O obxectivo é o de impulsar a actividade de mercado a través das novas tecnoloxías
Redacción-Monforte
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, ven de reunirse cos integrantes da asociación Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte, que dirixe Germán Vázquez, para coñecer as necesidades deste colectivo e establecer novas vías de colaboración. Besteiro convidou así a este colectivo a integrarse na plataforma de comercio electrónico que puxo en marcha o organismo provincial no marco do programa Innova-TE. E é que a Deputación abriu hai unhas semanas o prazo para que as empresas formalicen a adhesión a esta iniciativa denominada “Los Productos de Lugo”, que serán totalmente gratuítos para as firmas. Neste senso, o titular provincial puxo como exemplo o caso de “Bicicletas Guillermo”, que xa está integrado na plataforma e é un dos socios do CCU.
Pola súa parte, Germán Vázquez valorou a xuntanza de xeito moi positivo “porque vemos absoluta disposición por parte da Deputación de seguir traballando por e para a nosa comarca, e por e para o noso comercio monfortino”. “Ademais, agora que estamos en campaña, xa podemos dicir que dentro do programa electoral do PSOE sí van incluídas varias das reivindicacións que nós facíamos para o noso comercio, aspecto que nos parece moi loable”. Asimesmo, o xerente do CCU explicou que ven ao comercio electrónico como unha posibilidade máis á que por suposto non poden estar pechados. “É máis, dende o Centro Comercial Urbano vamos a facer todo o posible para incentivar que os nosos asociados se incorporen a estas novas tecnoloxías, porque aproveitando o feito de que esta plataforma vai a ser controlada e pagada dende a Deputación, entendemos que é unha opción máis de comercio que será moi rentable a nivel de empresa. A maioría xa temos comercio electrónico, así que só se trata da incorporación a un sistema que che están dando gratuitamente”. No concello de Monforte, son moitos os establecementos que contan con comercio electrónico. De feito, segundo indicou o responsable do CCU, o 70% da tenda asociada conta con páxina web; unha cifra importante se temos en conta que acolle a máis de 170 socios vinculados ao comercio. “Exemplos como o de Bicicletas Guillermo, no que a maior parte da súa facturación é a través do comercio electrónico, hai poucos, pero traballaremos nese aspecto tamén”, engadiu Vázquez.
Importancia do apoio institucional nestas iniciativas
Finalmente, dende o CCU sinalaron que o apoio das institucións a este tipo de iniciativas para o comercio local “son estupendas”. “Creo que deberían continuar, e sexa cal sexa a bandeira da Deputación deberían seguir, porque todo o que axude ao comercio monfortino é moi positivo”. É de destacar que con esta iniciativa, a Deputación contribúe coas novas tecnoloxías ao desenvolvemento económico da provincia e á promoción das súas empresas, abríndolles unha nova canle de venda dos seus produtos e servizos para incrementar o volume de beneficios. As firmas teñen así un espazo para anunciarse, vender e distribuír os seus produtos en novos mercados as 24 horas do día os 365 días do ano. Pola súa parte, os interesados poden consultar xa as bases da convocatoria na páxina web do organismo provincial, www.deputacionlugo.org. Cando remate a inscrición, a plataforma ofrecerá por vez primeira unha imaxe de marca de Produtos de Lugo, independentemente do proveedor que os ofreza. O proxecto inclúe tamén a posta en marcha dunha pasarela de pagos telemáticos, habilitada a través dunha entidade financeira, e disporá dunha empresa loxística para a recollida e entrega dos produtos.