Lois Pereiro, unha obra inseparable do destino vital

O "poeta punk" monfortino, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011. EC.

O Monforte de Lois Pereiro está a volcarse nunha homenaxe continuada ao seu poeta transgresor, a un dos seus orgullos culturais máis importantes e quizáis bastante agochados ata agora. Numerosos os actos en prol do “poeta punk” no ano no que se lle adica o día das Letras Galegas, o ano no que os monfortinos e os galegos conseguiron achegarse máis a esta figura, a un poeta complexo que para moitos estaba por descubrir.

LOIS PEREIRO DENDE OS SEUS ACHEGADOS: O POETA E A PERSOA

Un dos xeitos nos que descubrimos a Pereiro foi a través dos diversos encontros, dirixidos á sociedade e especialmente aos mozos, cos seus “amigos”; escritores, compañeiros e familiares do poeta como Manuel Rivas ou Xosé Manuel Pereiro puxeronnos en contacto co autor que lle escribiu ao amor e á enfermidade. Pero para comprender a obra hai que coñecer a vida de Pereiro e, sen dúbida, o encontro que o escritor monfortino Antón Lopo mantivo cos alumnos de secundaria serviu a este fin. Nun relato cercano sobre a vida de Lois, Lopo amosou o seu traballo biográfico arredor do homenaxeado e o seu contexto vital, ben distante da época do xuvenil auditorio.

“HEROE EN TRÁNSITO AO BORDE DO ABISMO”

O escritor Antón Lopo durante a súa charla sobre Lois Pereiro a un grupo de escolares monfortinos. EC

A visión de Lopo sobre o autor define a un home, a un “heroe”, marcado dende os catro anos polo destino da enfermidade e cunha vida que pode verse como “un tránsito ao borde do abismo”. Unha serie de circunstancias vitais terían convertido a Pereiro nun “home de experiencias interiores” que escribe o seu primeiro poema xa na adolescencia, e dedícao á compañeira da súa vida, Piedade, a quen coñece nun Monforte moi diferente ao de hoxe e nun Lois xa inmerso nun mapa cultural que sería, segundo Lopo, o que crea o seu desenvolvemento posterior. Para Antón Lopo, investigador da vida de Lois Pereiro e autor dunnha recente biografía, A palabra exacta, o poeta “cría na transformación do mundo a través del mesmo”. O seu paso por Madrid, as súas voltas ao Monforte natal, as súas visitas ao Incio, lugar de orixe familiar e a súa vida na Coruña posmoderna conforman o universo de Lois nun gusto pola contemporaneidade e modernidade, deseñando en moitas ocasións a súa propia vestimenta. Para Lopo, era Pereiro un auténtico “dandy” neste senso.

A DOR E A LITERATURA

Lois Pereiro nas terras de O Incio, de onde procede a súa familia. ARQUIVO FAMILIAR.

A chegada da enfermidade polos inicios dos anos 80, ao ser un dos afectados polo consumo de aceite de colza mudaría novamente, segundo relata Lopo, a vida do autor “ que aos 23 anos volve ser vello como na infancia”, cando unha enfermidade común afectara á súa dentadura. A dor física e emocional e a “lenitiva” heroína na súa época máis dura levan a Lois achegarse de novo ao abismo, relata Antón Lopo, do cal consegue saír “polo don da literatura”, a través da súa particular e anovadora poesía, unha literatura que non tería punto de contacto cos seus contemporáneos, que no se recoñecen de todo nela. Pero algo máis adiante, despois dos “dous anos de regalo” que a vida lle reserva a Lois, durante os que escribe Poesía Última de Amor e Enfermidade e Conversa ultramarina, un grupo de escritores recoñécense na súa obra. Pero axiña lle chega o momento, e en 1996 falece… segundo conclúe Lopo na súa charla, aproximandose ao caracter do autor: “todo foi rápido… calmado… porque el non quería molestar”. O legado de Lois Pereiro na nosa cultura fai que hoxe sexa honrado por versos coma o que segue: Amarte, vida, amarte case sempre,/ inda que sexas dura e leves entremedias/ piedade e odio intermitente.

A Real Academia Galega achégase a Monforte o día das Letras Galegas

A Real Academia Galega, en colaboración co Concello de Monforte, xa ten definido o programa de actos conmemorativos oficial para o día das Letras Galegas, e ten convocada unha presentación para este luns 16 de maio. As actividades xa están definidas, e o 17 de Maio desenvolveranse unha serie de actos na honra de Lois Pereiro, que darán comezo ás once e media da mañá coa recepción dos académicos da Real Academia Galega na Casa do Concello. Xa ás doce do mediodía terá lugar a saída dos representantes da Academia, xunto cos membros do equipo de goberno, da casa do Concello cara a Casa da Cultura. Neste momento, a Banda Municipal de Monforte de Lemos acompañará o percorrido facendo soar varias pezas ao seu paso. Un cuarto de hora máis tarde aproximadamente, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá unha sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega. Na mesma intervirán os seguintes académicos: Manuel Rivas Barrós, Margarita Ledo Andión, Darío Xohán Cabana Yanes, Antón Santamarina Fernández e Luz Pozo Garza. O encargado de pechar o acto na honra ao escritor monfortino será o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín. A continuación terá lugar a interpretación do Himno galego polo Grupo de gaitas do Concello de Monforte, para rematar arredor das dúas da tarde cunha reunión máis distendida no Centro do Viño. É preciso destacar que o programa de actos está aberto a todo o público, polo que todos os veciños que o desexen poderán participar desta emotiva xornada adicada no 2011 ao escritor monfortino.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Anthony Swift, fundador de The Wine Pleasures

Seguinte Nova

Entra en funcionamento o parque de bombeiros da comarca de Chantada

Últimas noticias sobre CULTURA

   
A %d blogueros les gusta esto: