Redacción-Monforte
A Comisión Executiva do Instituto de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES) aprobou fai uns días as obras incluídas no plan de axudas, dotado con 600.000 euros, e creado para apoiar ao medio rural e impulsar o sector primario. O máis importante deste tipo de axudas é o feito de que, ainda que na maior parte dos casos se trate de pequenas actuacións e con orzamentos tamén non moi elevados, todas veñen sendo iniciativas que na maior parte dos casos resultan indispensables para a mellora da calidade de vida dos veciños. E é que son moitos os núcleos rurais que na provincia de Lugo contan con menos dunha decea de veciños, de ahí a importancia de facilitarlles a execución de certas obras que sen a axuda de institucións, como neste caso a Deputación provincial, serían imposibles de levar a cabo. Deste xeito, o organismo dependente da Deputación executará 120 actuacións nos núcleos rurais da provincia que benefician a outras tantas asociacións e agrupacións de gandeiros ou de cidadáns sen ánimo de lucro pertencentes a 47 Concellos.
Obxecto da axuda
Pola súa parte, as axudas teñen un importe máximo de 6.000 euros e as obras terán que estar rematadas como moi tarde no mes de setembro. Fundamentalmente consisten na mellora dos accesos a núcleos rurais e a explotacións gandeiras, acondicionamento de fontes e cercados de pastizais, instalación de puntos para a recollida de plásticos agrícolas, construcións de curro para gando, etc. En resumo, unha iniciativa destinada única e exclusivamente a impulsar o rural e o sector agrogandeiro, que contempla como obxectivos principais mellorar a calidade de vida no medio rural e facer máis competitivas as explotacións da provincia; frear o despoboamento poboacional e, ao mesmo tempo, crear postos de traballo.
Actuacións en varios concellos do sur de Lugo
Comezando polo concello de Monforte é preciso destacar os case 10.000 euros repartidos entre a Asociación de Veciños San Xiao de Tor “Virxe do Carme”, a Asociación de Veciños de Ribasaltas, e a agrupación de veciños Santa Mariña, para que realicen melloras no camiño do Eivedo a Paredes, poñan en marcha a rexeneración do camiño de A Ponte, e tamén a mellora do alumeado do Camiño da Torre. En A Pobra do Brollón mentres tanto, a agrupación de veciños de Laceiras poderá acondicionar o acceso a este núcleo poboacional grazas aos 6.000 euros concedidos por parte do INLUDES. Asimesmo, a Asociación de Veciños San Xurxo-Eixón, realizará tamén con 6.000 euros de subvención o acondicionamento da finca na que se sitúa o seu local social. Pero este tipo de axudas tamén se destinan a actividades que nalgún caso teñen que ver co turismo. É o caso do concello de Chantada, no que a Asociación de Adegueiros e transformadores do Miño poderá poñer en marcha a sinalización dunha ruta de sendeirismo grazas aos 6.000 euros concedidos para tal fin. Coa mesma cantidade de diñeiro, e tamén na vila do Asma, a asociación vecinal de San Pedro de Líncora dotará de saneamentos e sanitarios ao seu local social, mentres que o Centro de Animación e Desenvolvemento Rural da parroquia de San Vicente da Sariña poderá acondicionar o depósito de auga veciñal. En Pantón pola súa parte, a Asociación de Veciños San Brais de San Román de Acedre conta con algo máis de 2.500 euros para o arranxo de fiestras no local social. Xa por último, os concellos de Sober e de Sarria son outros dos que nesta quenda recibirán axudas por parte do INLUDES. No caso de Sober concedéronse 6.000 euros a todas as agrupacións. Así, a Asociación de Veciños San Pedro de Canabal poderá arranxar a Fonte e a cuneta deste núcleo; os veciños de San Salvador Figueiroa a escola parroquial; e na agrupación veciñal de Chavián levarase a cabo a primeira fase do acondicionamento da obra de alcantarillado e saneamento de Chavián a Pinol. En Sarria, coa mesma cantidade de diñeiro, a agrupación veciñal de Lama, en Nespereira, acondicionará o acceso en camiño de terra, e en Poste Oural os veciños poderán acondicionar tamén o seu acceso.
Colectivos de Brollón, Sarria e Sober acometerán arranxos
Todos coinciden en sinalar que sen subvencións sería imposible levar a cabo moitas destas obras
O plan de subvencións dotado con 600.000 euros permitirá unha serie de obras no medio rural. Neste senso, son os testimonios dos propios veciños e integrantes das asociacións beneficiadas quenes mellor poden explicar o que para o núcleo rural no que viven chega a significar contar con este tipo de axudas. E tres exemplos son Fernando Peña Novo, presidente da agrupación de veciños de Laceiras, en A Pobra do Brollón; Josefa Fernández Díaz, en representación da agrupación veciñal de Chavián, en Sober; e Adela Fernández Armesto, da agrupación de veciños de Lama, Nespereira, en Sarria.
PEQUENAS REFORMAS FEITAS PARA PERDURAR EN LACEIRAS, BROLLÓN
No primeiro dos casos, os veciños de Laceiras poderán acondicionar o acceso a este núcleo de poboación despois de recibir 6.000 euros por parte do INLUDES. “De momento esta é a primeira obra que vamos a realizar, nunca antes pedíramos unha subvención”, explicou Fernando Peña. “E visto que as conceden, nun futuro seguiremos demandando que nos arranxen o resto da pista, porque de momento só é un tramo, 240 metros, pero quedan preto de dous quilómetros aínda por facer”, engadiu. Peña Novo tamén indicou que sen a axuda de institucións como a Deputación sería moi complicado levar a cabo actuacións como estas. “Sen axuda o único que faríamos sería estar sempre bacheando a pista e facendo unha chapuza, que despois cando veñen as tormentas arrasan con todo igual. Así que aínda que fagamos un treito pequeno é mellor facer iso e facelo ben”. Finalmente, o presidente desta asociación veciñal de Brollón valorou de xeito moi positivo a resposta institucional da Deputación á súa demanda, “porque sen esa axuda sería imposible facer a obra”, e considerou tamén que “con este tipo de actuacións conseguimos fixar a poboación do rural, porque por exemplo ter unha pista feita un desastre axuda a que a xente nova se vaia do pobo, sen embargo, se os arredores están ben acondicionados iso sempre vai a chamar de xeito máis positivo”.
ARRANXO DO ALCANTARILLADO EN CHAVIÁN, SOBER
Por outra parte, no concello de Sober, Josefa Fernández Díaz, da agrupación veciñal de Chavián, explica que cos 6.000 euros de subvención realizarase a primeira fase do alcantarillado e saneamento de Chavián a Pinol. “Propiamente non somos unha asociación, senón un grupo de tres ou catro veciños que nos decidimos a pedir unha axuda para poder sacar as augas que temos nos pozos debaixo das casas e facer así un pozo común para todos. É a primeira subvención que recibimos; xa despois co tempo pediremos máis subvencións, por exemplo para realizar melloras nunha fonte pública que temos aquí”, sinalou Josefa. “E dende logo, que as institucións nos boten unha man paréceme estupendo; o caso é que se para isto mesmo que nós queremos facer non contáramos coa axuda económica da Deputación, quedaría así. Hai que entender que como veciños non todos podemos dispoñer de 2.000 ou 3.000 euros e comezar a obra”, engadiu. De igual xeito, esta veciña de Sober tamén sinalou que “cantas máis comodidades teñamos no medio rural e mellor acondicionados estén os espazos, máis xente decidirá quedarse aquí”.
VECIÑOS DE NESPEREIRA, EN SARRIA, CONTARÁN CUN ACCESO ACONDICIONADO
Finalmente, en Sarria, Adela Fernández explicou que coa axuda da Deputación os veciños de Lama, en Nespereira, acondicionarán o acceso a este núcleo. “Non somos ainda unha asociación de veciños acreditada, pero como grupo de veciños deste barrio decidimos pedir a axuda, que de momento é a primeira que recibimos, para poder acondicionar un camiño que normalmente o Concello non arranxaría por ser simplemente un camiño”. Adela Fernández tamén indicou que nun futuro as peticións pasarán seguramente por arranxar máis camiños, “pero tamén estaría ben que chegara internet a esta zona”. Asimesmo, “non é que inflúa ao cen por cen, pero contar con internet serviría para que nalgúns casos a xente optara polo medio rural como lugar de residencia”. E ao igual que os voceiros veciñais de Brollón e Sober, en Sarria tamén valoraron de xeito positivo a concesión destas axudas, “de feito, de non ser por elas estou segura de que as obras non se farían”. Sobra dicir que en todo isto xogan un papel importante as asociacións de veciños, que son as que dende logo van a loitar para conseguir todo tipo de melloras; un aspecto que coincidiron en sinalar estes tres veciños.