Unha ruta turística cinematográfica, baseada na produción «Romasanta», deu a coñecer as terras de Sarria e O Courel

Redacción – L.Gallardo

A arquitectura e a paisaxe de vilas como Sarria aproveitan o impulso do cinema para a promoción turística. EC

Buscar no cinema un recurso turístico con potencial é o obxectivo das recentes xornadas celebradas nos pasados días na provincia e que tiveron como un dos escenarios a vila de Sarria. A actividade enfocouse coma unha experiencia piloto para detectar as posibilidades de explotar as distintas localizacións cinematográficas da nosa provincia como centros de visitas turísticas que poidan dinamizar economicamente o noso territorio. Impulsadas dende a Deputación de Lugo, contaron con distintas actividades e relatorios tomando como eixo un movie map sobre as localizacións da produción sobre a vida de Romasanta, con visitas a distintos lugares como Samos, O Incio ou O Courel, que foron escollidos na rodaxe do filme na montaña luguesa. Tratábase de detectar a acollida dun recurso de desenvolvemento turístico que está a contar cunha moi boa resposta a nivel europeo, onde chegan turistas buscando as localizacións de grandes producións internacionais, e tamén nalgunhas zonas de España.

O CINEMA COMO FOMENTO DO TURISMO DE PROXIMIDADE

A cuestión neste caso é a mesma, pero a pequena escala, tal e como explica Antonio Corredoira, director da Fundación TIC, “procurar un turismo interior para que nós mesmos descubramos a provincia ou a comunidade a través do cinema”. “O feito e a curiosidade de ver o lugar no que Elsa Pataki se atopaba nalgunha escena pode ser un exemplo do arranque deste tipo de turismo”, apunta Corredoira.

O PAZO DE TOR OU BELESAR, NO CINEMA GALEGO E DA PENÍNSULA

A zona sur de Lugo tamén tería a súa oportunidade explotando antigas producións como a que levou a Vicente Aranda ao Pazo de Tor, en Monforte, lugar no que se desenvolve un antigo filme como “Beatriz”, ou a rodaxe en Belesar dalgunha parte de “Krebinski”, película galega estreada recentemente. Os exemplos son moitos máis e a idea pode funcionar, segundo se valorou despois destas xornadas, e xa se está a pensar nun próximo proxecto que tería como protagonista o filme El Rey del Río, de Gutiérrez Aragón, filmada na zona da reserva da Biosfera Terras do Miño, e que podería entrelazar un turismo no que tamén poden estar interesados os amantes da pesca, cun filme dun consagrado director.

PAISAXE E ARQUITECTURA, ALGO MÁIS QUE ESCENARIOS

Potenciar os recursos existentes e buscar novos puntos de atracción como pode ser unha vivenda que se exhibe nunha película son as estratexias deste tipo de proxectos. O director da Fundación TIC, vinculada á Deputación de Lugo, cita Mar Adentro como un exemplo no que se deixou escapar a promoción dun territorio a través do cinema antes e despois da estrea dun filme de impacto internacional. Mobilizar ás institucións e a organismos coma o Consorcio do Audiovisual para que se encarguen deste tipo de cuestións foi unha das propostas da mesa desenvolvida en Sarria.

O CAMIÑO DE SANTIAGO, PLATAFORMA DE LANZAMENTO DE SARRIA E LUGO

Na mesma, falouse tamén do exemplo de promoción de Sarria a través dun recurso como é o Camiño de Santiago. A concelleira de turismo, Paula Vázquez, quen extrapolou o exemplo ao do cinema destacou que a repercusión turística do Camiño está a mudar a pasos axigantados a actividade económica do municipio. Vázquez falou da promoción como a única chave que pode facer que un territorio chegue a desenvolverse con resultados destacables xa que “ o interior de Galicia e por ende a provincia de Lugo, quizais sexan grandes descoñecidas. O Camiño de Santiago visualizase como unha gran plataforma de lanzamento do territorio, porque moitos coñecen a provincia a través del, e regresan. Para a edil de Turismo, o regreso é un fenómeno cada vez máis habitual, que se ten que ofertar a través de paquetes completos e con rutas xa elaboradas.

1 Comment

  1. Esta agora ex-concelleira de Turismo Vazquez de Sarria non ten nin idea do que dí, aínda que é certo que Sarria ten moita potencialidade Turistica, pero esta tipa non sabe nin falar, a potencialidade notase na rúa, nos servicios e na xente que marcha contenta de Sarria e volve por que se lle atende ben, sobre todo dende os hostaleiros.Esta tipa non ten nin estudos universitarios, e o único motivo desas xornadas e face-lo paripé pa que pareza que fai algo, penso que os politicos as veces deberían de leer un pouco antes de poñerse a dicir tonterias

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Resultados eleccións municipais 22M no sur de Lugo

Seguinte Nova

VIÑO E ROMÁNICO EN PANTÓN

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: