En marcha xa as Xornadas do Románico, mentres as sete adegas se preparan para dar a coñecer os seus caldos
Redacción – Monforte
Coa chegada do mes de xuño Pantón reclama o seu protagonismo cunha nova edición da Mostra dos Viños de Pantón e das xa institucionalizadas Xornadas da Rota do Románico. Estes dous eventos téñense feito inseparables nos últimos tempos nun afán de reforzar dous dos referentes máis importantes do municipio: a produción vitivinícola e o legado románico que coloca a Pantón como o buque insignia monumental desta arte na comarca de Lemos. Tanto a mostra dos viños coma as xornadas do románico foron presentadas en Ferreira. As segundas desenvolveranse entre o 27 de maio e o 2 de xullo aglutinando diversas iniciativas como a conferencia que porá en relación viño e románico achegándose ao viñedo nas terras de Pantón durante a Idade Media, a cargo do historiador Xosé Luis Sobrado. Outra charla terá lugar o 3 de xuño e versará sobre a ecoloxía dos ríos, un recurso vital neste municipio atravesado por Miño e Cabe. Finalmente, o 10 de xuño, Francisco Ruíz de Aldereguía analizará a pegada dos galegos e da Ribeira Sacra nas antípodas.
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS NO CONTEXTO DO ROMÁNICO
Pero as charlas completaranse con outro tipo de actividades que enriquecen as xornadas de promoción do románico: a música, a fotografía e o sendeirismo están a ter presenza durante estes días na axenda a través do concerto no emblemático mosteiro das Bernardas a cargo do grupo de corda Ensemble Aurum que terá lugar o 29 de maio; a exposición que o fotógrafo chantadino Roi Fernández inaugurará o 3 de xuño no edificio sociocultural e que ten como base a paisaxe da Ribeira Sacra; e a rota de sendeirismo que pón o colofón á vixésimo cuarta edición das xornadas. Tal e como explicou a coordinadora deste programa, a investigadora Flora Enríquez, trátase dunha xornada de sendeirismo que se prepara para o 2 de xullo e que percorrerá un novo itinerario ao longo da Ribeira do Cabe. Enríquez puntualizou que “o espírito do románico non permanece nin remata nas Xornadas e nuns actos concretos”, senón que se prolonga durante o tempo con calquera visita e con todo o que reforza a relación entre os monumentos, o viño e incluso a literatura.
O MELLOR DA ÚLTIMA COLLEITA
A fin de semana do 4 e 5 de xuño sete adegas do municipio amosarán os resultados da última colleita na mostra dos viños que acada a súa décimo oitava edición. O representante dos adegueiros de Pantón, Ramón Losada, destacou a boa nova que supuxo a recente ampliación das zonas de produción amparadas polo Consello Regulador no municipio, unha vella demanda á que se lle deu cumprimento en boa parte “grazas ao apoio do Concello”. Losada tamén destacou a unión entre arte e viño nunha estratexia que contribúe a afianzar as visitas turísticas e o consumo da produción vitivinícola, “cada vez máis coñecida no mundo” e que este ano conta en Pantón cunha produción dunhas 200.000 botellas. Losada destacou que os produtores están dalgunha maneira devolvendo agora o que se ten feito por eles coa mostra e coas xornadas do románico, xa plenamente consolidadas. O rexedor local, Jose Luis Álvarez, foi o encargado de expoñer o amplo programa da mostra, que este ano seguirá un esquema similar ao de anteriores edicións contando con animación musical polas rúas, actuación de títeres, orquestras e presenza de coñecidos persoeiros para o pregón, como neste caso será o humorista Moncho Borrajo. O escenario para a amosar os caldos será novamente o do Castro de Ferreira, que este ano está de estrea ao ser recentemente acondicionado. Este espazo será inaugurado o domingo polo Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández. Pola súa banda, o edil e ex alcalde José Manuel Ledo fixo referencia a todo o que se ten feito pola recuperación do patrimonio románico de Pantón dende 1987 cando se impulsaron as primeiras xornadas.