A retribución dos bombeiros interinos será costeada pola Deputación ata a integración no Consorcio

Entrada ao parque de bombeiros de Monforte. ARQ.EC.

Redacción-Monforte

En Monforte de Lemos, a Deputación financiará finalmente os gastos derivados da contratación dos catro bombeiros interinos do parque das Lamas ata que o parque se integre no Consorcio. A cantidade destinada a este fin supera os 100.000 euros, co que se garante que estes profesionais cobren a súa nómina. A Xunta de Goberno extraordinaria celebrada hai unhas semanas foi a encargada de aprobar o convenio co Concello de Monforte para o financiamento dos soldos. Deste xeito, a institución presidida por José Ramón Gómez Besteiro garante que estes profesionais cobren a súa nómina como cada mes ata o momento no que pasen a formar parte de dito organismo, ao igual que o resto de bombeiros que dende o día 1 do mes de maio prestan o seu servizo nos parques de Sarria e Chantada, entre outros. O visto e prace á adhesión do parque monfortino ao Consorcio é o último paso que lle queda por dar ao Consorcio para que a rede provincial de bombeiros esté totalmente a pleno rendemento, logo de cumprir o obxectivo de poñer en marcha a principios de mes o resto dos parques. Neste senso, a cantidade que destina a Deputación ao financiamento dos soldos dos catro bombeiros correspondentes ás nóminas do período xaneiro-novembro de 2011, ambos os dous meses incluídos, é de 130.000 euros. No caso dos outros cinco, que eran funcionarios de carreira, o Concello aprobou por unanimidade en marzo a súa integración na área municipal de recente creación denominada “Servizos á Comunidade”. Mentres tanto, o Consorcio aprobou en setembro a contratación dos parques da zona sur Chantada, Sarria e Monforte de Lemos por valor de 17.808.000 euros, financiados ao 50% polas administracións provincial e autonómica. A concesión que, inicialmente ten oito anos de vixencia, foi adxudicada á empresa Natutecnia.

Intervención dos bombeiros nun incendio que tivo lugar hai poucos días en pleno casco urbán monfortino (Andrés Gómez-Chao)

Estas infraestruturas dan cobertura a 25 Concellos, entre os que se atopan Bóveda, Chantada, Monforte, O Saviñao, Pantón, Pobra de Brollón, Quiroga, Ribas do Sil, Sarria, e Sober. No caso dos da zona norte son os de Vilalba, Barreiros e Viveiro os que cubren as incidencias dos municipios. É de destacar que o ámbito territorial adscrito a cada un destes parques terá independencia da súa actuación profesional se fose necesario fóra dos límites do mesmo: a nivel comarcal, provincial, ou mesmo autonómico. A prestación do servizo para toda a provincia incluirá: incendios, inundacións, accidentes de circulación, rescates, salvamento, actividades de prevención, etc.

Asimesmo, cada parque dispón de 20 vehículos e nestes traballan máis dun cento de bombeiros que atenden a calquera incidencia que poida xurdir as 24 horas do día e os 365 días do ano.

VALORACIÓN A PÉ DE RÚA DESTA INICIATIVA

Juan Vázquez – Xubilado

«A min paréceme estupendo; sexa a institución que sexa a encargada, debe facer que o servizo funcione; o asunto é que non ardan as casas. Non sei os habitantes que terá Monforte, pero dende logo bombeiros sí debe ter. Non teño moitos elementos de xuízo sobre este tema, pero por exemplo en Sarria sí sei que funcionan ben.»

Óscar Rodríguez – Hostaleiro

«Non creo que a miña opinión inflúa moito nun tema do que a verdade tampouco estou moi enterado, refírome a que non sei se abonda con un bombeiro ou fan falla catro, pero dende logo, se se pode soster, o dos bombeiros é un servizo importante a ter en conta. Cantos máis medios teñamos mellor estaremos no pobo.»

María Pilar López – Administrativa

«A min paréceme ben, un servizo como o dos bombeiros sempre é necesario. Está ben que o Concello, ou a Deputación, sexa quen sexa, financie eses soldos mentres faga falla. E de igual xeito, asúmao quen o asuma, é un servizo que necesitan os cidadáns, e por suposto, todo o mundo ten dereito a cobrar por traballar.»

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Colaboración e melloras para a comarca de Lemos

Seguinte Nova

O Lemos, pendente da salvación

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: