Melloras no río Cabe entre o núcelo urbán e Piñeira por case 4 millóns de euros

Redacción-Monforte

O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, explicou o proxecto de reforma nas marxes do río Cabe. EC

O Concello de Monforte xa ten aberto dende hai unhas semanas o prazo de exposición pública do proxecto de acondicionamento do cauce e as marxes do río Cabe, no tramo entre o núcleo urbán de Monforte e a parroquia de Piñeira, despois de que o alcalde, Severino Rodríguez, presentara a memoria ambiental do mesmo. Na súa comparecencia, o alcalde monfortino explicou que “xa hai varios meses que se traballa intensamente neste proxecto, primeiro coa Confederación Hidrográfica del Norte, e despois coa Confederación Hidrográfrica Miño-Sil”, coa intención de levar a cabo unha actuación que, segundo indicou, “é prioritaria para o goberno municipal”. Severino Rodríguez tamén considerou que o río Cabe é un elemento importante de vertebración da cidade, ou o máis importante, e que o cauce e as marxes do río “están totalmente recuperadas no casco urbán”. Por estes motivos salientou que a intención do goberno é “ampliar estas melloras ás parroquias próximas á cidade”.

ACTUACIÓNS

Deste xeito, con esta actuación recuperaranse áreas moi abandonadas e crearanse novas zonas de ocio. A intención é adecentar o espazo dende a ponte nova ata o parque dos Condes, mellorando o pavimento do paseo e construíndo un mirador e unha zona recreativa. Ao mesmo tempo, dende o parque dos Condes ata Piñeira construirase un carril bici e un sendeiro peonil, ao tempo que se farán pasarelas na zona dos Escolapios, en Aceña Nova e dúas na illa da Pinguela. Pero o proxecto tamén posibilitará o aproveitamento para o esparcemento e o ocio da propiedade municipal coñecida como illa da Pinguela e, xa en Piñeira, acometerase a remodelación integral da área recreativa situada en A Barxela. O proxecto estará a exposición pública ata o vindeiro día 23 de xuño; a partir desa data, estudaranse as posibles alegacións que se presenten e, unha vez estimadas ou desestimadas, procederase á licitación do proxecto. O orzamento desta actuación, tal e como indicou Severino Rodríguez, ronda os catro millóns de euros. As obras levaranse a cabo cunha aportación do 75 % con cargo ao Ministerio de Medio Ambiente a través de fondos europeos. O 25 % restante correrá a cargo do Concello para o cal, segundo dixo o alcalde, xa se fixeron xestións, e contiuaranse realizando, con outras administracións. “O apartado económico non será un problema, polos cartos que están comprometidos polo ministerio e tamén porque estamos ante unha intervención e mellora estratéxica para Monforte, urbanística e tamén medioambiental”, concluiu Severino Rodríguez.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

22M: Valoración dos resultados electorais no sur de Lugo

Seguinte Nova

Prácticas para os estudantes locais en Monforte

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: