Prácticas para os estudantes locais en Monforte

Acordo entre o concello, empresas e universidades

Redacción-Monforte

Coa intención de unificar os campos universitario, social, laboral e da administración, dende o Concello de Monforte estiveron a manterse unha serie de reunións con estudantes das universidades galegas. O resultado final destas reunións foi dado a coñecer polo alcalde da cidade, Severino Rodríguez, acompañado de dous universitarios monfortinos, Adrián Valcarcel e Rubén López. Severino destacou catro puntos principais: crear unha base de datos dos universitarios monfortinos, ampliable a outros campos educativos; habilitar a relación dos universitarios co empresariado local e coa finalidade de que poidan facer as súas prácticas na cidade; establecer unha relación permanente entre os sectores empresariais e os universitarios; e por último, crear unha asociación de universitarios para poñer en marcha as anteriores propostas. Asimesmo, o alcalde anunciou que as empresas adheridas ao convenio coa universidade e as asociacións empresariais (CEL, CCU, APEHL, e LUGOSUR) amosaron a súa disposición a colaborar cos estudantes.

O alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez, e os universitarios monfortinos Adrián Valcárcel e Rubén López, durante a exposición do proxecto de fomento do emprego. EC.

Pola súa parte, Adrián Valcarcel, un dos universitarios que participou nas reunións, explicou que “o obxectivo fundamental da futura asociación é crear un nexo de unión entre o sector profesional e os estudantes”. Valcarcel tamén indicou que a asociación debe funcionar como “xeradora de ideas e nexo de unión entre os sectores empresariais, a administración e o estudantado”. É de destacar que xa se tiña asinado un convenio entre as universidades galegas, o Concello e os empresarios.

Mentres tanto, Rubén López, outro dos universitarios, explicou que no banco de datos informático a disposición de estudantes e empresarios na páxina web do Concello, calquera estudante poderá darse de alta deixando o seu perfil e o seu currículo. Pola súa parte, será o Concello o encargado de actualizar a web de xeito permanente. Rubén López asegurou tamén que o banco de datos será ampliado a estudantes de FP e a todos aqueles susceptibles de facer prácticas en Monforte. Asimesmo, xa están preparando unha xornada-conferencia para estudantes que veñen de rematar a carreira, e habilitarase un local para a asociación de estudantes.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Melloras no río Cabe entre o núcelo urbán e Piñeira por case 4 millóns de euros

Seguinte Nova

Colaboración e melloras para a comarca de Lemos

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: