Preto de 2.000 kilos de cereixas e 200 litros de aceite para vender en Ribas do Sil

A novena edición da Festa da Cereixa e do Aceite celebrarase os vindeiros 4 e 5 de xuño na praia fluvial de San Clodio

A cereixa e o aceite de Ribas de Sil xa se comercializan baixo a marca "Cereixa de Ribas de Sil" e "Aceite de Ribas de Sil". ARQ.EC.

Redacción-Monforte

Os vindeiros 4 e 5 de xuño, o concello de Ribas do Sil acollerá a novena edición da súa Festa da Cereixa e do Aceite; unha edición máis na que como ven sendo habitual, poñeranse á venda entre 1.500 e 2.000 kilos de cereixas, e arredor de 200-250 litros de aceite.

Un ano «moi bo» para a cereixa

Segundo explicou o tenente alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, a producción deste ano é moi boa, “e ainda así nas cerdeiras quedan bastantes froitos, bastantes quilos de produto que non se venden na festa”. “Este ano poñeremos á venda en torno a 2.000 kilos, que é o que soemos vender todos os anos, pero despois ainda queda moito produto sen vender que queda nás árbores. Con ese produto restante o que se fai é vendelo noutros mercados, como por exemplo algún produtor que acode á praza de abastos de Lugo, pero tamén en mercados comarcais e incluso en cooperativas de Ponferrada ou Vigo”. Pola súa parte, a producción deste ano foi boa, e todo pese a intensa calor dos últimos días. “De momento para este ano estamos tendo unha pequena tregua, pero ainda así a produción vai moi adiantada. Hai que ter en conta que sempre planificamos a festa con 15 días de antelación e iso xa supón certa problemática, porque 15 días para este tipo de produto é moito, pero facelo con tempo é a única forma que temos de garantir que as cereixas estarán a punto e en estado óptimo para a súa venda na festa”, explicou Castro. Por este motivo, a festa sempre se celebra a comezos do mes de xuño, “e este ano decidimos que debería ser a primeira fin de semana”. Tan só unha semana para este froito pode ser crucial, e ademais, a variedade de cereixas que hai dentro da produción fai que non todas maduren por igual.

A homenaxe para un aceite moi especial e con marca propia

Paralelamente, tamén se celebra a Festa do Aceite de Ribas do Sil coa intención de poñer en valor este produto totalmente artesanal. “É cen por cen artesanal, que se dá en cultivos de xeito conxunto coas cereixas, sobre todo nas parroquias de Figueirido, Casares e Peites. Trátase dun aceite único; e digo único porque incluso os máis anciáns da vila contan que antigamente viña xente de fóra a buscar especialmente este aceite para empregalo como mediciña porque dicían que tiña propiedades curativas”, sinalou Castro. Este ano poñeranse á venda preto de 250 litros de aceite, que normalmente se soen vender na súa totalidade. É de destacar que nesta festa por primeira vez o Concello decidiu protexer a marca dos seus produtos, de tal xeito que xa se depositou no rexistro xeral de marcas e patentes as marcas Cereixa de Ribas do Sil e Aceite de Ribas do Sil coa intención de protexer no futuro estes produtos de cara a unha posible denominación de orixe. “Trátase de crear unha marca protexida e recoñecida que ninguén poda utilizar, excepto os produtores, sen permiso do Concello”.

A praia de San Clodio, un entorno singular para celebrar esta festa

Finalmente, compre lembrar que a novena edición desta festa contará cun programa de actividades moi variado e que se celebrará un ano máis na praia fluvial de San Clodio. “Ainda que para algunha xente esta ubicación supón certas dificultades, faise ahí porque o que queremos é potenciala tamén como recurso turístico e destacala como tal en toda a zona sur de Lugo; como anécdota contar que hai anos ías por alí e a xente que vías era toda coñecida, sen embargo, vas agora e ves caras novas, descoñecidas, así que iso quere dicir que a xente de fóra ven aquí, interésase por esta praia e ven a coñecela”.

Exaltación doutros produtos autóctonos

Outro dos obxectivos desta festa, ademáis da exaltación das cereixas, do aceite, e da explotación da praia de San Clodio como recurso turístico, é o de potenciar os demais produtos autóctonos, tales como os figos, as castañas secas, licores, viños e demais que tamén se porán á venda. “E de igual xeito, potenciamos aos nosos artesáns, a artesanía da zona, panadeiros e demais oficios para darlle un impulso aos recursos agrarios e artísticos da zona”, concluiu Castro. En relación ao programa de actos, a festa abrirase o sábado 4 de xuño cun pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas, para dar paso á apertura do recinto feiral e á degustación das cereixas pola mañá. Despois, ao longo dos dous días de celebración haberá tempo para unha visita á praia fluvial de San Clodio por parte dos veciños de Toral de Los Vados, para disputar o terceiro Trofeo da Cereixa na área deportiva da praia, e como non, para actuacións musicais que pecharán o grupo Álvaro Muras co espectáculo “Ao ritmo da maxia” o domingo a partir das oito da tarde. Cómpre lembrar que o pregón terá lugar o domingo día 5 á unha do mediodía, e será a cargo do párroco de San Clodio, Manuel Areán Fernández. A maiores de todo isto tamén haberá xogos infantís e distintos deportes.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Ata o 30 de maio, prazo para inscripción na Xuntanza de Maiores en O Carballiño

Seguinte Nova

Iniciado o proceso de contratación da residencia de Ribas de Sil

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: