Todo listo para comezar o auditorio de Chantada

Os veciños coinciden en sinalar que se trata dunha infraestrutura necesaria e beneficiosa para o pobo

Lugar onde se ubicará o futuro auditorio, preparado xa para obrar. SN.

Redacción-Chantada

No concello de Chantada está previsto que conten en poucos meses cun novo auditorio; unha infraestrutura necesaria e sobre todo moi demandada tanto por parte do Concello como por parte dos veciños, xa que na actualidade non contan con ningún espazo con capacidade suficiente para acoller actos con máis de 150 persoas. Pero é de destacar que a nova dotación xa está en marcha dende hai uns meses grazas aos fondos do Plan E. Neste senso, coa aportación da Deputación de Lugo e do Goberno Central, o Concello poderá completar na súa totalidade esta infraestrutura, que se emprazará no edificio de servizos múltiples. Compre lembrar que o auditorio forma parte do complexo deseñado dentro dun plan global de reforma da Praza de Galicia sobre os terreos nos que con anterioridade estivo situada a casa consistorial. Deste xeito, nunha primeira fase, tamén con fondos do Estado, construíuse un bloque no que hoxe se localiza a Casa da Música e se sitúan as aulas nas que se imparten, entre outros, os cursos do programa europeo Pacto Provincial polo Emprego, ademais de oficinas de servizos municipais como as do Centro de Información á Muller. Pola súa parte, dende o Concello de Chantada xa teñen manifestado en numerosas ocasións, tanto o alcalde no seu momento, Manuel Anxo Taboada, como o concelleiro de obras, Xosé Manuel Ledo, a necesidade dunha infraestrutura con estas dimensións, e a boa acollida destas obras, demandadas dende fai moitos anos. Mentres tanto, entre os veciños a opinión máis xeneralizada é a de apoiar este tipo de infraestruras e servizos. “Máis vale tarde que nunca”, “creo que deberían investirse os cartos noutros servizos máis necesarios, ainda que polo menos unha obra destas características sempre vai a servir para crear emprego”, ou “parécenme actuacións positivas porque repercuten no beneficio dos propios veciños, xa que seremos nós quenes lles demos uso”, foron algunhas das respostas obtidas vía telefónica entre os chantadinos; pero tamén outra ainda máis repetida, na que se apunta á necesidade de rematar as obras canto antes. É de destacar que unha vez rematada esta parte da obra, o futuro auditorio terá capacidade para albergar a preto de 400 persoas.

Actual Casa da Música e edificio de servizos municipais, anexos ao que será o auditorio de Chantada, e que tamén estaban incluídos no proxecto. SN

Outras actuacións

A maiores do auditorio, a Deputación puxo en marcha obras en Chantada por valor de 1,2 millóns de euros. A máis destacada a do auditorio, para a que se destinaron máis de 900.000 euros; unha actuación acometida dentro do plan do canon hidroeléctrico. Pero dende o pasado 16 de maio, tamén se comezaron novas obras na vila do Asma para dotar de servizos mínimos e necesarios a diferentes zonas do núcleo urbán. Neste senso, á execución destas actuacións, financiadas tamén con fondos propios, destináronse preto de 295.000 euros e, segundo confirmou o concelleiro de obras, “en total acondicionaranse 17 rúas”. Algunhas delas serán a rúa Taboada, Ribeira Sacra, Xulio Camba, Xoán XXIII, Pardo Bazán, Concepción Arenal e prolongación, Luis Soto Lemos, Rosalía de Castro, Doctor Feleming, as avenidas de Lugo e Os Pilos, e os accesos ás piscinas. Finalmente, en relación ao canon hidroeléctrico, dende a Deputación de Lugo lembraron que grazas a este, o municipio chantadino percibiu en tan só tres anos preto de cinco millóns de euros; ao mesmo tempo que serviu para saldar unha débeda contraída pola institución provincial dende hai case dúas décadas. Asimesmo, co pagamento do canon, a Deputación de Lugo contribuiu á recuperación da estabilidade presupostaria do Concello e tamén á creación de emprego, xa que por exemplo, coas obras do auditorio crearánse 35 postos de traballo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Volta Ciclista ás comarcas de Lugo con parada en Monforte

Seguinte Nova

AS LETRAS DE PEREIRO EN MONFORTE: Un fito na historia da vila e da súa proxección cultural

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: