Redacción – Sarria
Dende que hai catro anos a puxo en marcha a Área de Medio Ambiente do Concello de Sarria, a campaña de recollida de pilas usadas non deixa de medrar en participación. Cada día que transcorre cobra máis importancia a necesidade de reciclar, especialmente cando se trata de residuos tan contaminantes coma estes, sosteñen dende o departamento. Pero esta campaña realízase a modo de concurso coa finalidade de concienciar as futuras xeracións da importancia que ten unha adecuada xestión dos residuos, así como a necesidade de que non depositen as pilas usada nas bolsas de lixo. Unha vez que as pilas están esgotadas, é fundamental tiralas nos contedores específicos, xa que se se tiran ao lixo, éstas chegarán aos vertedoiros, onde os metais altamente tóxicos que conteñen pasarán ao ciclo da auga a través dos lixiviados producidos como consecuencia da choiva, ou ben pasarán á atmósfera a través dos gases producidos na queima das basuras.
As bases do concurso
Este concurso vai dirixido aos centros colexios de ensino de primaria de todo o municipio de Sarria. A competición é unha “Liga de recollida de pilas”, que terá por obxetivo fomentar unha xestión axeitada das pilas usadas entre os alumnos, premiando maioritariamente a aqueles colexios que acrediten ter acadada a máis alta taxa de pilas recollidas por alumno. A primeira recollida de pilas tivo lugar o venres 27 de maio, realizándose recollidas durante todo o mes de maio e xuño, sendo o último día o venres 17 de xuño; os gañadores coñeceránse o día 17 de xuño e a entrega de premios terá lugar o luns 23 de xuño ás 12.00 horas no salón de plenos do Concello. A evolución dos resultados poderá ser consultada en calquer momento na páxina web do concello (www.sarria.es). Tendo en conta a diferencia de alumnos entre os diferentes centros, para concesión dos premios calcularase a media dos kilos recollidos por cada colexio. Os premios consistirán en vales para mercar libros ou material para os alumnos da clase gañadora máis un agasallo a cada un dos alumnos da clase. Asimesmo, existirá outro premio extraordinario de 50 euros para aquela clase de cada colexio que recolla unha maior cantidade de pilas. En total participarán 595 rapaces, 303 alumnos Frei Luis de Granada, 135 alumnos da Asunción, 121 alumnos do Convento e 36 alumnos do Antonio Fernández.