O Concello de Sober ten en marcha numerosas obras
Redacción – Monforte
O alcalde en funcións do concello de Sober, José Gómez, deu conta dunha serie de obras que se están a acometer no municipio, así como de outras que xa están adxudicadas e que en breve serán levadas a cabo. Segundo explicou, estanse rematando por exemplo as obras do parque situado diante do Concello, cunha subvención da Deputación de 27.000 euros, e a aportación de 9.000 euros por parte do consistorio. “Temos adxudicado tamén o desaugue que falta dende Villaestrille de abaixo ata a residencia de anciáns; e tamén está adxudicada a segunda parte da rede de sumidoiros de Villaoscura, que foron 150.000 euros, e cuxa primeira fase xa se fixo o ano pasado”.
Por outra parte, o Concello de Sober conta cunha subvención aprobada por parte da Consellería de Presidencia de 50.000 euros, para arranxar todo o arredor do Concello con granito, “tal e como se fixo na rúa do Progreso, e para que quede en perfectas condicións”, explicou Gómez. “Xa a maiores, temos outras nove pequenas obras, pertencentes ao canon da Deputación do 2010, que están agora para aprobar, e que son entre outras cousas para a praza de Doade, para reformala; e tamén para Vilachá, para rexenerar este pequeno pobo onde se atopa o Consello Regulador, así como unha serie de camiños en distintos lugares que se atopan en malas condicións”, engadiu. Son pequenas obras que ainda están por facer e que en total están valoradas en 62.000 euros. Finalmente, no concello de Sober tamén están adxudicados por parte da Xunta de Galicia, os arranxos de tres pequenos tramos de estrada. “Son unha cantidade de obras importantes para este ano, obras nas que tamén hai que destacar a restauración que estamos facendo das fontes da Mina e de Eireos, que xa estarán rematadas en breve”, concluíu o alcalde en funcións.