As actividades levaránse a cabo durante o mes de xuño
Para o vindeiro mes de xuño o Concello de Quiroga ten preparadas numerosas actividades. Deste xeito, dende a Área Social do Concello de Quiroga, en colaboración coa Deputación de Lugo, organízase o Sendeirismo de Limpeza polo río Quiroga, dirixido a rapaces e rapazas de 10 a 12 anos. Terá lugar os luns de xuño de seis e media a oito da tarde, a partir do vindeiro luns día 6, e consistirá en limpar as beiras do río xunto con dous monitores, ao mesmo tempo que se coñecerá a flora e a fauna existente no lugar. Asimesmo, como premio polo traballo realizado todos os participantes terán unha camiseta e unha mochila do concello, ademáis dunha viaxe ao zoo de Marcelle. Para apuntarse poden facelo na Casa de Cultura ou chamando por teléfono ao 982 435 125. Por outra parte, para o mes de xuño, e dende a Oficina de Xuventude en colaboración coa Xunta de Galicia, ofértanse para todos os venres e sábados das dez ás doce da noite, as Noites Alternativas na Casa de Cultura. Nelas poderán participar persoas de entre 12 e 31 anos e non será necesario inscribirse. As actividades van dende a lectura, ata os xogos de mesa, o futbolín, scalextric dixital ou internet. Finalmente, dende o Concello, en colaboración cos pubs e cos grupos musicais de Quiroga, levaranse a cabo distintos concertos. O primeiro deles xa tivo lugar este pasado sábado día 28 no Pub Kata a cargo do grupo Lethal Chains.