UGT denuncia as condicións nas que FCC mantén aos traballadores da limpeza en Monforte

Os traballadores ameazan cunha folga de recollida do lixo en agosto

Mario Docasar e Javier López durante a comparecencia ante os medios. EC

Redacción – Monforte

UGT Lemos denunciou hai uns días o conflicto que están a vivir os traballadores da empresa de limpeza de Monforte, FCC (Fomento de Construcciones y Contratas). Segundo explicou o responsable do sindicato, Mario Docasar, acompañado polo representante dos traballadores, Javier López Jordán, os puntos clave deste conflicto están a ser a subida salarial que non se produce, así como a conxelación da antigüidade dos traballadores, despois de coñecer que os beneficios da empresa pasaron de 900.000 a 1.600.000 euros, “e ademais sabendo que a empresa ten unhas condicións moi favorables co Concello”, indicou Docasar. “Xa tivemos catro reunións, a última delas o pasado 24 de maio; e ainda así non conseguimos chegar a ningún acordo para mellorar as condicións dos traballadores, nin en subidas salariais, nin en pagas extras, nin en vestiario”, sinalou Docasar.

Ao non chegar a ningún tipo de acordo, dende o sindicato explicaron que tamén puxeron esta situación en coñecemento do alcalde de Monforte, así como dos membros da oposición. “De non haber avances na negociación barallamos a posibilidade dunha folga xeral; é máis, se nos obrigan, os traballadores xa votaron e xa decidiron que están dispostos a ir a unha folga, algo que xa se lle comunicou tamén ao alcalde”, engadiu Mario Docasar. Dende a UGT explicaron que en ningún momento aceptarán as propostas da empresa “porque non as hai” e “porque as condicións nas que están a traballar non son favorables; a empresa pretendía incluso que os empregados traballaran os días festivos cando iso non está contemplado no convenio”. “Non aceptaremos que os perxudicados sexan os traballadores, serán os veciños en tal caso os máis perxudicados se chegamos a unha folga xeral”, concluiu. Docasar lembrou que o que piden dende o sindicato é unha mellora do IPC máis dous puntos.

Pola súa parte, Javier López sinalou que os traballadores darán de tempo ata agosto para convocar a folga. “Estamos esperando a ver que pasa, pero nós non estamos pechados a nada, e de habela, a folga será en agosto”. Na actualidade a empresa conta con 29 traballadores. A última folga xeral convocada tivo lugar en agosto de 2008, ainda que no último día desconvocouse e non se levou a cabo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

AS LETRAS DE PEREIRO EN MONFORTE: Un fito na historia da vila e da súa proxección cultural

Seguinte Nova

Os escolares de Sarria recollen pilas usadas en prol da boa xestión dos residuos

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: