Redacción – Monforte
Rematada a tempada de fútbol sala, dende a Agrupación Cultural Castelao de Monforte fixeron un balance máis que positivo. O responsable para a área de deportes desta agrupación, Ramón Rodríguez Vázquez, sinalou así que nesta liga “participaron 27 equipos entre os femininos e os masculinos, e todos os partidos desenvolvéronse con absoluta normalidade”. A Agrupación Cultural Castelao leva nada máis e nada menos que 32 anos celebrando esta competición, que da comezo en setembro e remata no mes de maio. “Houbo anos nos que chegamos a ter na liga ata 52 e 53 equipos xogando”, explica Ramón. “O que fixemos este ano foi incorporar a Agrupación Cultural como se fora un clube, fixemos novos estatutos e tamén nos inscribimos na Secretaría Xeral de Deporte”. Pero iso sí, o responsable de deportes quixo deixar moi claro que o que fan dende a agrupación é crear unha liga de tempo libre para a xente que lle gusta xogar ao fútbol sala e disfrutar deste deporte sen estar federado. “Este último ano movemos a preto de 250 persoas, que xogaron en equipos, practicaron deporte e, sobre todo, divertíronse”. Esta é a filosofía da liga de fútbol sala que todos os anos promove esta asociación monfortina. “Mira se se trata de unha actividade de tempo libre, que mesmo non permitimos que participen os xogadores federados de calquera equipo”, engade Ramón. “É xente normal, que cando sae de traballar quere xogar ao fútbol sala e disfrutar, e polo tanto pode facelo nesta liga”.
Para a cidade do Cabe, contar con esta liga supón, en palabras do propio responsable da agrupación, “unha actividade ininterrumpida que ainda que nunca se valorou o suficiente acolle a este grupo de persoas que deciden xogar ao fútbol sala sen competir oficialmente; é dicir, se non existira a liga de tempo libre, esta xente non tería a onde acudir para practicar este deporte”. En canto ao financiamento, son os xogadores os que pagan os partidos e a arbitraxe, pero tamén contan con pequenas axudas de institucións e iniciativas privadas.