Manuel Lorenzo Varela, alcalde de Chantada: “Tes máis ganas de traballar cando estás baixo unha liña totalmente independente”

Redacción – Chantada

Manuel Varela, alcalde de Chantada. EC

Dende o pasado sábado Manuel Varela é de novo alcalde de Chantada, agora ao fronte do partido Independentes das Terras do Asma. Asegura que pouco cambiaron as cousas no Concello, que como grupo independente traballarán con máis liberdade e que dende logo será necesario facer algúns recortes.

Como transcorreu o pleno de investidura?

O pleno transcorreu ben ainda que houbo unha pequeniña sorpresa. Eu na véspera tiña o coñecemento de que probablemente o cabeza de lista do BNG se postulara como alternativa, sempre e cando contara cos votos do PSOE, tal e como así foi. Semella que ese mesmo día falou con eles e finalmente presentouse Ildefonso Piñeiro tamén como posible alcalde. Loxicamente ao darse a abstención dos tres concelleiros do PP houbo un empate a cinco votos, e nós por ser a lista máis votada conquerimos a alcaldía.

Como afronta agora a alcaldía, dende outro partido político?

Pois a verdade é que é unha experiencia totalmente novedosa porque non vamos a funcionar como ata o de agora, senon que vamos a gobernar en minoría, e en principio con pactos puntuais coas outras tres formacións políticas. Esperemos non ter demasiados atrancos; penso que estamos todos para traballar polos veciños de Chantada e que non debería haber moitas dificultades para cumprir acordos puntuais, sobre todo cuestións problemáticas que estén incluidas nos catro programas electorais das catro formacións políticas.

Antes de chegar á alcaldía pasou vostede e o seu equipo por malos momentos, ata chegar a formar outro partido político. Vendo agora os resultados, mereceu a pena pasar por iso?

A verdade é que se dixera que non, estaría mentindo. Despois de todo levamos unha moi grata sorpresa ao ver que nos presentamos con unha candidatura independente e que ainda así tivemos o respaldo de 2.401 cidadáns de Chantada que decidiron apostar pola nosa opción. Dende o noso punto de vista foi un éxito rotundo. Non o esperaba ninguén, así que dende esta perspectiva o que temos que dicir é que tivemos uns magníficos resultados. En canto a se mereceu a pena; todas as formacións políticas teñen cousas boas, regulares e malas. Nós tamén teremos as nosas, pero o que está claro é que traballar dende unha liña totalmente independente, con un grupo de xente que está traballando como unha piña en torno a unha idea, e sobre todo en torno aos beneficios e aos servizos que hai que prestar aos cidadáns, pois sempre é traballar con outras ganas, por dicilo dalgunha maneira; que tamén dende unha formación política como as que xa coñecemos, ainda que nese caso sempre tes unhas pautas das que non debes desviarte moito. Sen embargo agora, como independentes, o traballo é noso, da nosa propia formación, e o que temos que facer é trasladar o sentir dos cidadáns ao partido, e traballar nesa liña, non hai outras.

Como ve a oposición?

Como a valoro? Bueno, primeiro teño que coñecela. Ata o de agora diría que cando nós fixemos oposición, primeiro dentro das siglas do PP, e no resto do tempo como o grupo de Non Adscritos, sempre dende a nosa perspectiva tentamos facer unha oposición -e sobre todo dende que nos pasamos ao grupo de Non Adscritos- digna e responsable, apoiando todas aquelas iniciativas que presentaba o grupo de goberno e que nos parecían beneficiosas para Chantada. É certo que calquer grupo de goberno vai a presentar iniciativas que van a ser beneficiosas, despois resulta que algúns proxectos saen mellor ou peor, son máis ou menos criticados, pero á hora da verdade o que deberíamos ter máis en conta é a opinión da cidadanía. Debemos ser máis transparentes cos cidadáns, cas formacións políticas e con todo o mundo, ensinar os proxectos para que os vexan antes de levalos a cabo. En resumo, o que quero dicir é que dende a oposición, no noso caso, en xeral soes estar dacordo con aqueles proxectos que son beneficiosos para o pobo. E nós así o fixemos, ainda que cando tivemos que criticar tamén criticamos, e neste senso eu agardo recibir un tipo de oposición semellante. É máis, se presentas un proxecto incluído nos catro programas electorais, o lóxico será que saia adiante.

Que balance fai das primeiras horas como alcalde? Como ve o Concello?

Sinceramente, tería que dicir que pasaron catro anos, chegas de novo ao Concello e practicamente atópalo igual. Na estrutura e no seu funcionamento penso que está máis ou menos igual, cos mesmos funcionarios e as mesmas persoas traballando. Sei tamén que nestes momentos hai un número importante de laborais eventuais, que son, uns os que colleu directamente o Concello, e outros os que viñeron a través do plan Emprega da Deputación, e non sabería dicir a cifra exacta, pero arredor de corenta-cincuenta persoas están traballando a día de hoxe para esta institución. E en iso andamos, presentándome tamén a todos os excompañeiros e aos novos rostros.

Cales van a ser os principais obxectivos para esta lexislatura e os retos máis difíciles?

Somos conscientes de que a época actual non é boa para ningunha das administracións, a economía está flaqueando en todos os aspectos da vida, e non ía ser menos nas administracións. Dende fai uns anos véñense recortando aos Concellos unhas cantidades importantes de diñeiro, tanto do Goberno Central como da Xunta, pero nós tampouco debemos aumentar os impostos. Entón, co pouco que hai teremos que facer encaixe de bolillos e ir cumprindo cos funcionarios, cos servizos que están funcionando nestes momentos, e a ver para que máis dá. Logo está claro que mantendo negociacións contínuas tanto coa Deputación como coa Xunta, tentaremos traer novos proxectos. En canto aos retos máis difíciles, por poñer un exemplo, a nós gustaríanos rematar co proxecto da Casa do Concello, ainda que tampouco é que estemos moi dacordo en que se siga establecendo onde estaba pensado. Ao mellor temos outra idea que a vamos a estudar e madurar, porque probablemente no entorno onde estamos agora mesmo, no propio Concello, quedaban mellor este tipo de servizos para os cidadáns. Pero bueno, é unha idea que está sen madurar.

Como afectará a crise ao concello de Chantada?

Probableme haxa que facer recortes en algunhas das axudas que se viñan prestando, e ao mellor tampouco se pode empregar tanto diñeiro en festas como se estaba empregando. O que está claro é que nos orzamentos do Concello hai tres partidas indiscutibles: a de persoal, a de servizos e a de amortizacións de débeda. A partir de ahí, unha vez que nos orzamentos se teña cumprido con isto, o resto empregarase no que se poda.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sarria, noite do lume e festa na rúa

Seguinte Nova

José Antonio García, alcalde de Sarria: “A maioría absoluta non é un cheque en branco que nos concederon os veciños”

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: