Novo libro e documental sobre Lois Pereiro

Exposición sobre Lois Pereiro na Casa da Cultura de Monforte. EC

Redacción- Monforte

O Concello de Monforte continúa a celebrar numerosos actos na honra do poeta Lois Pereiro, escritor local ao que se lle adicou o Día das Letras Galegas este ano. Así, o pasado 30 de maio tivo lugar na Casa da Cultura, a presentación do libro A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro, libro do que é autor o tamén monfortino Antón Lopo.

Testemuñas dos máis íntimos do escritor

A obra supón un achegamento ao escritor a través das persoas que máis íntima relación tiveron con el, pero tamén a través das voces que se enfrontaron á análise da súa poesía ou que, dalgún xeito, o reivindicaron. Durante a súa presentación, Antón Lopo estivo acompañado pola concelleira de Cultura en funcións, Alicia Cadarso, e polo director da editorial Galaxia, Víctor Freixanes.

Asimesmo, o pasado venres 3 de xuño, tamén na Casa da Cultura, tivo lugar a proxección do documental Lois Pereiro, Seguindo os Surcos. Un documental duns oitenta minutos, con guión e dirección de Gonzalo Enríquez Veloso, e baseado na vida e obra do poeta monfortino. Nel, aparecen familiares e amigos, así como numerosos compañeiros e figuras pertencentes ao campo da literatura e a arte; en total, preto dunhas corenta persoas. Segundo indicou o director, “o documental pretende sobre todo abordar a figura do poeta dende o punto de vista máis persoal, e ao mesmo tempo facer un ensaio audiovisual sobre a poesía”. Despois de Monforte, a idea é proxectar o documental por distintas cidades, festivais e tamén en centros galegos doutros países para que “teña a maior difusión posible”. Unha obra que está financiada pola Deputación de Lugo. Aproveitando a ocasión, trala proxección procedeuse á clausura da exposición instalada na Casa da Cultura hai xa varios meses. Unha exposición que segundo indicou Alicia Cadarso, “é xa a máis visitada de todas as organizadas polo Concello de Monforte”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Premios ás mellores tapas de Monforte

Seguinte Nova

Primeiro Open de golf Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: