Agrupacións locais da comarca de Chantada reúnense para coñecer as necesidades de cada colectivo
Redacción – Chantada
No concello de Chantada o movemento asociativo está máis vivo ca nunca. Un bo exemplo é a reunión que días atrás mantiveron distintas asociacións (pertencentes a diferentes ámbitos), co obxectivo de establecer unha canle de comunicación entre o conxunto do movemento asociativo local, e organizar así todas aquelas actividades oportunas que poidan contribuír á dinamización da vida social e cultural da comarca. A dita reunión estiveron invitadas todas as asociacións culturais, veciñais, deportivas, sociais e demais da comarca; pero a idea surxiu principalmente da Asociación de familiares de enfermos de Alzhimer, xunto coa Asociación Cultural O Castañazo, ATTAC Chantada, Albores e Asdeme. Carmen Grandío, responsable de AFA Chantada e unha das principais promotoras da iniciativa, explicou que “nin todo o pobo coñece o que facemos cada unha das asociacións, nin entre nós mesmas coñecemos ás veces o que fan as demais, así que era necesario organizar algo así canto antes”. Deste xeito, nesta primeira reunión compartíronse necesidades e intereses, e abriuse unha ficha para actualizar a lista de agrupacións, pero tamén barallaron a posibilidade de facer unha páxina web e unha feira. “Cada voceiro expuxo as súas necesidades. No noso caso por exemplo, o que mais demandamos é axuda económica para poder manter a asociación, e tamén a necesidade de contar cun local propio para ter a oficina e os talleres”, sinalou Carmen, “pero por suposto tamén agradeceríamos moito o voluntariado”. A día de hoxe, AFA Chantada presta atención dunha forma integral aos enfermos de alzheimer e aos seus familiares. “Temos dous grupos de xente, e para os familiares tamén contamos cun grupo de autoxuda. Ademais, aumentamos o número de usuarios e temos en marcha un programa de estimulación a domicilio”.
Outros exemplos
A Asociación Cultural O Castañazo e a asociación de mulleres rurais Amfar Chantada foron outras das agrupacións que participaron nesta primeira reunión. Dende a primeira, Ibán Gómez explicou que o que máis soen demandar para O Castañazo, “aparte do número de socios, é unha maior participación e desenvolver actividades paralelas durante os días de festival. Que se involucre maior número de xente e que participen tamén outras asociacións”. Esta agrupación organiza o festival do Castañazo, que se recuperou hai catro anos con certa repercusión tanto a nivel galego como nacional, “algo que nos axudou a recuperar parte da cultura bravú”, engadiu Ibán. “No noso caso a verdade é que sempre contamos con moito apoio, pero asistir a este encontro entre asociacións serviunos para coñecer un pouco máis as necesidades dos demais, así que temos que valorar a iniciativa de xeito moi positivo. Tamén teño que destacar que esta reunión foi un punto de partida, pero ainda nos queda moito traballo por diante”. Pola súa parte, dende a asociación de mulleres rurais de Chantada, Yolanda Paz sinalou que unha das principais demandas de Amfar Chantada é o recoñocemento real do papel que desempeña a muller no mundo rural. “Apostamos por un maior e mellor aproveitamento dos recursos que teñen as zonas rurais para conseguir un desenvolvemento rural sostible e que as mulleres sexan as fundamentais protagonistas de dito desenvolvemento, pero tamén demandamos que a muller forme parte dos órganos directivos das organizacións profesionais agrarias, das cooperativas, cámaras agrarias, etc”. Sen embargo, e como ocorre coa maioría, a necesidade principal da asociación é a económica, “xa que non contamos cos recursos necesarios para levar a cabo todos os proxectos que nos gustaría ofrecer a todas as socias”, engadiu Yolanda. Dado que o seu principal papel no conxunto social da comarca é o de crer e impulsar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, e crear unha conciencia social da verdadeira participación socioeconómica da muller no ámbito rural, Yolanda Paz valorou moi positivo este encontro entre asociacións. “Co primeiro encontro xa conseguiron establecer un contacto entre nós que na maioría dos casos non existía, así que noraboa aos promotores”. Agora, a seguinte reunión está prevista para o vindeiro día 28 deste mes.