Xaime F. López Arias
O coñecemento recente da existencia de fotografías da vila de Sárria gardadas no Arhcivo del Ejército del Aire en Villaviciosa de Odón (Madrid), permite coñecer a imaxe, que agora se ofrece, daquela Sárria anterior á “Desfeita I “, a ese “construir destruíndo” , naquela Sárria “galana e fermosa” de cando Camilo Gonsar foi neno e mozo. Aquela Sárria de pouso fidalgo no outeiro e de dinamismo comercial nos barrios novos (Estación-San Lázaro, As Casetas-Matías López), coas airosas “quintas dos madrileños”, finou cando chegou a esfeita dos anos 60, nos que a estulticia municipal permitiu cantas aberracións se poderan maxinar, “ e ainda máis” e non foi ata vinte anos despois cando se tratou de poñer algo de orde cunhas Normas Subsidiarias do Planeamento que, agás na área do Chanto, non fixeron senón consagrar , potenciándoo, o erguer “estafermos” (Camilo Gonsar, dixit) con ínfulas de rañaceos en estreitas rúas. Foi unha sorte que “Villa Andrea” e parte do seu mutilado parque se salvase da politica de “solado e alicatado total”, que levou a privar de carácter definitoiro á Sárria Nova, que se alzou con trasnoitadas ideas que trouxeron por resultado unha Sárria “atroz” mal que nos pese. E andamos agora da “ditadura do patrimoniado” ( fala Santiago) á tolerancia restrinxida, do “tí vai facendo “ ao “ a ver que pasa co PXOM”, nun xogoda “oca» nada místico, andamos de paralización en paralización, de denuncia en denuncia, de ameaza de multa a multa en efectivo, de recurso contencioso en sentenza, de sentenza en execución, de incidente de execución en petición de paralización, etc., etc., mentras andamos coa alma nun puño (e moitos perxudicados de boa fe temendo todos os males imaxinables) agardando o desenlace da Desfeita II (“destruir o construido derrubando o construido”), que como flamíxera e apocaliptica espada pende riba do patrimonio municipal e dun bon número de particulares que tiveron a mala sorte de comprar baixos, entrecháns, piso ou áticos “non sanctos” ou “contaminados” e polo tanto suxeitos pasivos de sentenzas e autos que atinxen a volumetría excesiva, modificaciòns de rasantes, zonas inundables ou outras eivas. E pouco consolo dá que na Coruña ou en Vigo haxa maiores edificios tamén estigmatizados. Ollade con detención a Sárria de 1932. A fotografía canta.Soñade, maxinade. Se os primeiros planos de 1928 ou dos anos 1950 tiveran pasado do papel á aplicacion práctica, se a seguridade normativa fose de constante aplicación, a Sárria de 2011 sería outra. Non puido ser. A harmonía caeu baixo da acción especuladora. Os estafermos gañaron a batalla. E os perdedores vivimos neles. ¡E agora xa non haberá un Camilo Gonsar que na hora da “Desfeita II “poña o dedo na chaga !».