Sarria é posible grazas a unha sociedade de colectivos con gran historia que traballan no presente pensando no futuro
Redacción – Sarria
Se Sarria se caracteriza por algunha cousa é por contar cunha intensa actividade social en distintos ámbitos movida esencialmente por un asociacionismo activo que está detrás do día a día da vila. En distintas áreas e con distintos fins existen colectivos máis ou menos representativos que unen por intereses comúns aos veciños do municipio. Non se pode esquecer a taref de entidades que moven dun xeito ou outro Sarria como a asociación Meigas e Trasgos, o centro Unesco instalado en Sarria, ou o colectivo Bordón Sarriao, que traballa pola rehabilitación de drogodependentes, entre outros.
CÍRCULO CULTURAL RECREATIVO LA UNIÓN: TRADICIÓN E IDENTIDADE
Unha das asociacións con maior representatividade e historia na vila de Sarria é o Círculo Cultural Recreativo La Unión. Conta con case 100 anos de existencia e no momento da súa fundación veu a ser paralelo ao que naquel momento era o Casino, unha entidade quizáis máis “elitista”. La Unión nacía cun formato similar, pero quizáis máis aberta ao conxunto da sociedade. Actualmente conta cuns 525 asociados e está a vivir un bo momento coa incorporación de novos socios e o incremento de actividades, algunhas delas en colaboración con outros colectivos da vila. Para o seu actual presidente, José Quiñoá, La Unión foi sempre unha sociedade moi respectada e querida que cumple un papel importante e aporta moito ao tempo de lecer diario ou á organización de eventos. É similar en funcionalidade aos antigos casinos con obxectivos recreativos e culturais. Por outra banda, Quiñoá destaca o privilexiado contorno e as instalacións que ten La Unión no centro da vila de Sarria, o que lle dá un valor engadido e enormes posibilidades.
Un dos eventos máis especiais para os socios de la Unión é precisamente o San Xoán, unha festa que viven de xeito singular coa celebración da tradicional cea americana. Todas as actividades están a vivir un rexurdir nos últimos anos, segundo sinala a directiva, o que ven acompañado dunha serie de cambios como a incorporación de xente moza, a potenciación dunha área de xogos coma o billar, a idea de fomentar iniciativas para os raparigos e a posibilidade de celebar alí os seus cumpreanos, entre outras moitas ideas. A recuperación do cinema de verán, unha cita ineludible antigamente, é outra das novas estratexias.
A modo de reflexión, Quiñoá destaca o notable crecemento urbán da vila dende que existe La Unión e as melloras estéticas xa posteriores. Desde esta asociación vese Sarria como unha sociedade cambiante que se adapta aos novos tempos con gran capacidade de emprendemento, en consoancia co carácter activo dos veciños. Para o presidente da sociedade, “ Sarria terá o futuro que os sarrianos queiran darlle” e o desenvolvemento das futuras comunicacións será imprescindible para dinamizar o municipio.
SARRIA, PRAZA DE COMERCIANTES
A ACES de Sarria nacía hai arredor de 14 anos pola necesidade dos comerciantes da vila de poñer en marcha estratexias en colectivo e traballar en positivo pola promoción do sector ofrecendo unha imaxe de unión. Actualmente conta cuns 100 asociados que están a traballar nun contexto de crise moi complicado, pero do que pretenden saír reforzados. O recentemente nomeado presidente da ACES, Ricardo Arias, apunta que neste momento existen dous apartados fundamentais nas funcións da asociación que son a promoción do conxunto do comercio local e a tramitación e asesoramento que se ofrece a cada establecemento baixo o paraugas da Federación Galega de Comercio.
O comercio é no municipio un sector moi relevante que ten sufrido nos últimos anos unha renovación moi importante pola incursión de cadeas comerciais, fundamentalmente no sector textil, e tamén polo aumento da competencia foránea, máis agresiva, coa proliferación das grandes áreas comerciais. Esta conxuntura conduce, en opinión de Arias, a un único camiño de futuro, o da espcialización. A pesar do pésimo momento “ a vida segue a ser moi activa e hai movemento no comercio, a actividade gandeira vinculada á comarca segue a ter o seu peso e os cidadáns teñen unha filosofía bastante emprendedora, porque hai que buscarse a vida”, apunta o presidente. O futuro antóllase complicado e os cambios son cada vez máis rápidos.
No futuro máis inmediato chegan momentos coma o da semana das festas patronais. O San Xoán parece cada vez surtir menos efecto económico no que é estrictamente o comercio; non así na hostalería, na que as festas seguen a repercutir dun xeito importante economicamente. Ricardo Arias define o San Xoán como unha cuestión máis afectiva que aínda que antigamente facía que os cidadáns centrasen gran parte do consumo nesas datas, os cambios sociais fan que actualmente xa non sexa tanto.
PELERIÑOS, A IDENTIDADE DO FOLCLORE
Pura García é fundadora de Peleriños. Nada menos que 15 anos de actividade centrada fundamentalmente no baile e música tradicional, pero que tamén promove outras actividades coma a ximansia ou o pilates. Naquel momento non existía ningunha organización nesta área, pero sí moita xente que quería bailar e tocar instrumentos do folclore galego. Agora Peleriños conta con arredor de 80 integrantes e desenvolve as súas iniciativas de diario nun local cedido polo Concello e compartido con outros colectivos.
Estes últimos anos a asociación está a vivir un bo momento, segundo destaca Pura García, coa realización de múltiples viaxes a países europeos levando o nome de Sarria e de Galicia polo mundo e exportando tamén a súa cultura máis tradicional. Nos anos nos que leva funcionando o colectivo, Pura García salienta que “ Sarria é un lugar onde cambian pouco as cousas”, pero estea quen estea no goberno local “ sempre se portaron ben connosco”. Unha vez ao ano organizan o festival de folclore internacional, unha das súas actividades máis especiais, e que ten o futuro avalado polo gran grupo de nenos que están na asociación e que están chamados a darlle a merecida continuidade. Outro dos segredos do bo funcionamento cultural son, para a presidenta, “ as gañas de pelexar e loitar e a gran colaboración cidadá”.
O TEATRO REVIVE
Rebuldeira Teatro é o grupo vinculado á aula de teatro do Concello de Sarria. Leva dous anos en funcionamento e conta cunhas 13 persoas en activo. Estrearán polo San Xoán a súa nova peza O velorio, unha adaptación da irlandesa Os cravos de prata, e na que participan veciños actores de todas as idades. Coa formación deste colectivo Sarria conseguiu recuperar unha cultura teatral e cubir unha demanda dunha parte da sociedade con inquedanzas dramáticas, pero tamén como espectadores. Non existe ningún outro grupo que traballe polo teatro no municipio, apunta Ana López, unha das súas integrantes e promotoras, quen relata que hai uns anos que hai xente que se despraza a outros lugares para acudir a clases de teatro. A Rebuldeira correspondeulle a organziación da Semana do Teatro, que tivo unha espectacular acollida de público. O futuro está na incorporación da xente moza a un teatro “formativo e cunha dose de reflexión”.