Sarria, vila de deporte

Fútbol e baloncesto conviven con disciplinas coma o ciclismo e a ximnasia rítmica nun momento complicado para algúns clubs representativos que demandan apoios

Imaxe antiga dun encontro do C.B. Sarria. Arquivo C.B. Sarria

Redacción – Sarria

Pero nun municipio san non pode faltar o deporte, e nos últimos anos a práctica de diversas disciplinas ten incrementado en Sarria coa evolución social. Deportes coma o voleibol, o hockey ou incluso o equipo de baseball creado polo colectivo inmigrante instalado na vila son exemplos do novo escenario.

DEPORTE E VALORES, O LEMA DO BASKET

Sen embargo, outros máis clásicos coma o baloncesto seguen a levarse a palma co equipo estrela e insignia do deporte sarriano. O CB Sarria foi creado en 1987 e conta actualmente con máis de 400 socios. Aínda que economicamente non están atravesando o seu mellor intre ao verse afectados polos recortes xeralizados en canto a subvencións e aínda na procura dun sponsor para o primeiro equipo e pendentes dos resultados da Liga EBA para coñecer a futura posición, están animados co gran momento que viven os equipos cadete masculino e feminino. Para o que é presidente do club dende hai tres tempadas, Santiago Castro Páramo, “o baloncesto cumpre en Sarria unha faceta social e educativa que vai moito máis aló do meramente deportivo, porque ensinamos valores moi importantes coma o compañeirismo”. Despois do fútbol é o deporte máis practicado e actualmente ten a uns 150 rapaces nas categorías inferiores. Tal e como sinala Castro, ten tamén a importante función de representar ao municipio dentro e fóra de Galicia. O deporte está pasando unha época baixa en todas partes debido á crise económica, pero en opinión do presidente do C.B, Sarria é unha vila deportiva na que goza de boa saúde, o futuro vese con escepticismo en canto aos apoios e a dinamización dende fóra, sen embargo confíase nas boas perspectivas.

FÚTBOL VETERANO: PAIXÓN POLO BALÓN POR ENRIBA DE TODO

‘O fútbol é así’ e coma en calquera parte a súa práctica e afección move masas. Os nostálxicos deste deporte e os que van perdendo idade para a práctica do mesmo de xeito máis “profesional” non quixeron en Sarria desapegarse da súa paixón e crearon en 2008 o pimeiro equipo veterán da zona, o Sarria FV. Ramón Porral foi un dos seus principais impulsores e relata que “a xente quería seguir xogando ao fútbol” e por iso se decidiron a crear o equipo que hoxe milita na Primeira División Provincial de Veteráns. Despois dunha tempada complicada e dura, cunha plantilla curta e con lesións que non acompañaron nos resultados, afirman contar cun grupo máis competitivo de cara a vindeira. A formación deste equipo en Sarria serviu como referencia para a progresiva creación de máis equipos, no primeiro momento non había ningún de veteráns, “ e nós fomos como unha semente” para facer realidade o fútbol veterán. Dende a súa creación ata o día de hoxe houbo moitos cambios a nivel participativo, sostén Porral, “aquel momento foi coma unha explosión enorme”. O deportista destaca o avance na creación de infraestruturas deportivas en Sarria nos últimos tempos, coa entrada en funcionamento do campo de herba artificial que permite estar en activo a todos os equipos, algo que se facía complicado non moito tempo atrás. En Sarria existe un enorme potencial deportivo, “pero hai que xestionalo como se merece” apunta o futbolista veterán, quen indica que non debería haber nenos que van xogar con equipos de fóra. Dende a súa perspectiva ten que haber cambios para garantir o futuro do deporte.

CICLISMO EN SARRIA: A FORZA DA ILUSIÓN DEBUXA O FUTURO

Quizáis un ámbito máis esquencido é o ocupado polo ciclismo. Manuel Armesto foi un dos co fundadores do Club Ciclista Sarriano alá por novembro do ano 1994. Hoxe preside a entidade e lembra como a afección polo ciclismo dun grupo de persoas levou a formar un club que contou no primeiro momento cunha importante resposta e chegou a ter entre as súas filas máis de 60 ciclistas. Actualmente atópase nunha fase de revisión trátando de enfocar o seu traballo cara a base, e abandonanado o ciclismo de elite por causa das circunstancias económicas. As tarefas de captación ou “enganche” dos rapaces ao deporte e concretamente ao ciclismo son a preocupación actual, tal e como comenta Armesto. Dende a creación da entidade e ata o día de hoxe foron diminuíndo os cartos e os apoios reais ao deporte en xeral, opina o presidente, mentres que os pais dos rapaces seguiron a facer o mesmo esforzo económico. O mundo do deporte éncheuse de promesas incumpridas por parte de moitas administracións, o que poría en perigo o mantemento da súa práctica no seu criterio. Pero a perda de ilusión de hai un tempo borrouse coas ganas de recuperar e manter nun club a rapazas e rapaces que son campións galegos e que acadan a miúdo notables resultados.

A MAXIA ESTÉTICA E DE SUPERACIÓN DA XIMNASIA RÍTMICA

Pero si destaca Sarria por algún deporte dos minoritarios esa é a ximnasia rítmica. O Club Xirandela é xunto ao Club Sarria o representante desta disciplina no municipio. Xirandela nacía oficialmente en 1999 dunha traxectoria de adestramentos e gran raigame deste deporte nos centros educativos. Dende aquela e ata hoxe a resposta foi contundente e a agrupación de ximnastas mantense en torno ás 26 rapazas ano tras ano. As destacadas deportistas viven actualmente o seu mellor momento colleitando grandes resultados nos campionato provincial e galego, no que teñen na última edición 3 clasificadas. Mónica Fernández, á fronte do club dende os seus inicios destaca que Xirandela cumpre unha dobre función, e é que ademáis do deporte promove as relacións entre as nenas fóra do seu ámbito escolar e leva o nome de Sarria alá onde se fan campionatos ou exhibicións. Cubre con creces a parcela do deporte minoritario e consegue encher o pavillón cada vez que organiza algún evento na vila. A rítmica postúlase como algo diferente dentro do deporte e está xa vinculada á tradición sarriana. A monitora recoñece a evolución do club que recolle agora a colleita de anos de traballo. En canto ao futuro hai optimismo, xa que a práctica deste deporte está garantida coa tarefa de inculcación da práctica deportiva nunha sociedade que tende a non moverse do sofá.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

José Antonio García, alcalde de Sarria: “A maioría absoluta non é un cheque en branco que nos concederon os veciños”

Seguinte Nova

Sarria literaria: o Fiz Vergara e o certame IES Gregorio Fernández

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss