Gerardo García amósanos a súa colección de motos e coches antigos en aluguer dende a parroquia de Chorente (Sarria)
L.Gallardo – Sarria
Vinculado a unha antiga construción que foi no seu tempo casa de curas do 1700 na parroquia sarriana de Chorente, en Oural, está o que é un auténtico museo de coches históricos de Gerardo García. Este veciño adoptivo de Sarria é un namorado destas xoias dende os 17 anos, unha afección que foi mantendo ata o día de hoxe, no que conseguiu acondicionar unha enorme palleira para a exposición dos seus vehículos, unha colección de 14 pezas entre as que encaixan motos e turismos.
MIMO E GUSTO POLOS VEHÍCULOS, AS CLAVES DESTA SINGULAR COLECCIÓN
Aínda que non se dedica profesionalmente a isto, Gerardo García investiu moito tempo e diñeiro en adquirir estes e moitos outros medios para restauralos persoalmente con todo detalle. Moitos dos coches que tivo foinos vendendo despois de acondicionalos, durante o seu tempo libre, en Guísamo, de onde é natural. Actualmente deulle unha pequena volta á súa paixón, converténdoa tamén en negocio co aluguer destes vehículos para diferentes eventos, fundamentalmente vodas.
A formación de Gerardo García en mecánica e en oficios para a restauración destas pezas é completamente autodidacta e, tal e como indica, “ten que gustarche, e na miña casa de pequeno sempre había transportes e a empresa familiar obrigaba a facer algúns traballos de cambios de motores e cousas polo estilo”. Lembra cando moitos non lle daban valor a estas pezas, e con tal motivo tivo que desfacerse de moitas delas. A cousa cambiou unha vez casado, cando empezou a dar renda solta ao seu quefacer e a súa colección foi en aumento. Os vehículos son verdadeiramente variados en funcionalidades e épocas. Chama a atención cando entramos en tan especial garaxe unha furgoneta Chevrolet de Gaseosas La Victoria que data de 1927. O traballo feito nela é completo, porque cando foi adquirida estaba completamente en ruinas. Despois, a carpinteiría con madeira de castiñeiro, a pintura, a tapicería e a mecánica imprimida por García, fixeron deste auto unha peza única. E trátase dun elemento irrepetible, xa que era un vehículo que viña de serie sen a carrocería, que se deseñaba ao gusto de cada un, e iso foi o que fixo novamente este afeccionado.
BÚSQUEDA POR TODO O MUNDO
O propietario coñece moito da historia de cada un dos seus coches e motos, tal é o caso do MGA-1600 ou do Renault Floride que conseguiu en Bóveda e que ten para uso persoal, ou a Derbi Scooter masculino que data do ano 52 e que utilizaban habitualmente os sacerdotes, coma neste caso o facía un cura da zona de Oural. Outras pezas viñeron dende moito máis lonxe, como o Ford A Roadster do ano 1928 que foi adquirido en Quilmes, Arxentina, non sen dificultades no proceso de compra e ata a súa chegada ao porto de Vigo, pero que hoxe configura unha das pezas máis chamativas restaurado ao milímetro. Por outro lado, chama a atención o que o propio Gerardo bautizou coma “o coche de Al Capone”, ao tratarse dun Studebaker President (Made In USA) de 1929, un 8 cilindros que aínda hoxe acada importantes velocidades, e detrás do que estivo 6 anos para mercalo finalmente en Francia. Quizáis sexa este o o vehículo estrela da colección: García non ten coñecemento de ningún igual en todo o territorio español. Restaurado coma os orixinais, esta ardua tarefa require ademáis de moito interese, unha grande dose de documentación coa que tamén conta este apaixoado do coche histórico.
Nestes días, o coleccionista ocúpase da recuperación dun novo vello vehículo de luxo, un Oldsmobile do ano 1934, do que tamén destaca a cilindrada e a amplitude. Cada milímetro da restauración é obra del mesmo, salvo nos casos nos que se precisa aplicar pintura ao forno, ou determinadas tarefas de tapicería.
As motos ocupan a parte superior deste museo, entre elas figuran moitas curiosidades e modelos coma a BMW R2 do ano 1933, ou unha Royal Enfield 500 Twing do 52. Este conxunto de vehículos, en perfecto estado e a punto para o seu uso, implica unha ardua historia de esforzos e investimento á hora de procurar cada peza orixinal, un factor no que é imprescindible a busca de contactos a través de Internet. Todo este traballo vese recompensado polos numerosos premios adquiridos en diversas concentracións, e pretende verse amortizado dalgunha maneira coa actividade do alugueiro.•