Viticultura Heroica: a marca do futuro para o viño da Ribeira Sacra

Sober acolleu a presentación desta nova marca, e inaugurou un novo mirador nun espacio vitícola

Redacción-Monforte

Presentación en Sober da marca Viticultura Heroica que distinguirá a produción de viño nas zonas de montaña e forte pendente. XG

O viño da Ribeira Sacra, e todo o que conleva a viticultura desta zona en xeral, está a ser noticia nas últimas semanas. De sobras son coñecidos os caldos desta Denominación, así como as emblemáticas feiras do viño de lugares como Sober, Pantón ou Chantada. Neste senso, dando un paso máis na promoción da zona e do viño, hai poucos días o concello de Sober acolleu a presentación da marca colectiva que distinguirá a produción de viño nas zonas de montaña e forte pendente, así como a inauguración dun novo mirador en Doade. No primeiro dos casos, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, acompañado polos directores xerais de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, e de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon, presentou a marca colectiva que distingue a produción vinícola nas rexións europeas con características de montaña ou forte pendente, e que será coñecida como Viticultura Heroica. Segundo explicou Juárez, esta iniciativa xurdiu da especial relevancia que a viticultura de montaña ten no mapa vitícola galego, dado que abrangue unha parte importante na produción dos viños de calidade. “Nestas zonas, o viñedo ten configurado un entorno paisaxístico singular, converténdose nun factor determinante que lle aporta unhas peculiaridades moi pouco comúns e que dificulta as condicións de produción; porén, esta actividade vitícola de montaña é indispensable para evitar a erosión e salvagardar unha parte do territorio que conxuga importantes implicacións”, engadiu o conselleiro. Este tipo de viticultura caracterízase por desenvolverse en terreos con pendentes moi pronunciadas, con desniveis superiores ao 30%, en altitudes por riba dos 500 metros, ou en socalcos (bancais ou terrazas). Unha produción de viño moi característica que abrangue boa parte de tres das cinco zonas vitivinícolas de Galicia amparadas con Denominación de Orixe, unha delas, a da Ribeira Sacra.

MIRADOIRO EN DOADE

Inauguración en Doade (Sober) do miradoiro da adega Regina Viarum, que contou coa presenza, entre outros, da delegada territorial da Xunta en Lugo e os alcaldes de Monforte e Sober. EC

Pero a promoción da viticultura da Ribeira Sacra non remata aquí. A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, acompañada polos alcaldes de Monforte e Sober, Severino Rodríguez e Luis Fernández Guitián; así como do xerente da adega Regina Viarum, Iván Gómez, foi a encargada de inaugurar o miradoiro da Vía Appia, situado na propia adega Regina Viarum, na parroquia soberina de Doade. Trátase dun panel informativo asentado nunha estrutura de madeira de pino e convenientemente tratado para a súa exposición no exterior, cunha estrutura deseñada o máis acorde posible ás características do entorno e da propia adega. Tal e como explicaron durante a inauguración, “o obxectivo foi crear un servizo máis para veciños e visitantes, e servir para completar a rede de miradoiros que hai ao redor do Sil”. Trátase dun xeito máis de potenciar a zona e ofrecer información de interese a quen o demande. Mentres tanto, Raquel Arias aproveitou a ocasión para “animar a todos a traballar xuntos pola Ribeira Sacra, conxugando viños, paisaxe e turismo”. É de destacar que dende este púnto divísanse lugares como Pena do Castelo, Penas do Viso, Serra de Vilarellos, Aldea de Paradela, a ponte da Abeleda e o embarcadoiro, o río Sil ou a vila de Castro Caldelas. O miradoiro natural estará aberto todos os días durante o verán, e de xoves a domingo durante o inverno. Á súa inauguración tamén asistiron representantes do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, e do Consello Regulador.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Opinión: «Desfeita II»

Seguinte Nova

«Viticultura heroica»: promoción e identidade para a Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: