«Viticultura heroica»: promoción e identidade para a Ribeira Sacra

Renome e maior prestixio para os viños de Pantón

O turismo e a Viticultura Heroica camiñan xuntos grazas á iniciativa do tren turístico Aba Sacra

Redacción-Monforte

Presentación do tren turístico que percorrerá a Ribeira Sacra (foto: Santos).

Seguindo a liña da Viticultura Heroica, entre as zonas características deste tipo de viticultura atópase o concello de Pantón; que tamén conta ademais, e dende fai anos, cunha consolidada Feira do Viño. Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Rural caracterizou case 6.000 hectáreas vitícolas localizadas en zona de montaña, o que supón un 17% sobre o viñedo total galego. E dentro dese tanto por cento dúas das áreas vitícolas máis coñecidas pola súa fermosura paisaxística son as localizadas nos canóns dos ríos Miño e Sil, pertencentes ás denominacións de orixe Ribeira Sacra e Valdeorras.

“PARTIR DUNHA MARCA COLECTIVA AXUDARÁ AO PRESTIXIO DO NOSO VIÑO”, SEGÚN JOSÉ LUIS ÁLVAREZ

Para o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, a marca colectiva Viticultura Heroica que distingue a produción de viño nas zonas de montaña e forte pendente supón “a conxugación de toda unha serie de factores moi importantes e positivos que servirán para destacar aínda máis dentro do sector”. A día de hoxe, o concello de Pantón conta con sete adegas incluídas na Denominación de Orixe. “Para todas elas esperemos que esta marca supoña un impulso moi claro, xa que todo o que se faga en beneficio dun sector tan importante para Pantón como é o da viticultura, será ben recibido”, engadiu. Asimesmo, con vistas á Feira do Viño de Pantón, José Luis Álvarez sinalou que “aínda que un viño conte con certo renome, partir dunha marca colectiva axudará a coller máis prestixio”.

“RECOÑECEMENTO AO TRABALLO, E Á UVA MENCIA E GODELLO”, JUAN VÁZQUEZ, DE CASA MOREIRAS

En Pantón son varias as adegas que a día de hoxe seguen pelexando por entrar na Denominación de Orixe. Pero unha das que xa forma parte da Denominación dende o ano 1996 é a adega Casa Moreiras, con Juan Vázquez Prieto ao frente. Para este adegueiro, pertencer á marca colectiva Viticultura Heroica supón “un recoñecemento á imaxe da Ribeira Sacra, pero tamén ao que é a uva mencía e godello”. “Tal e como o seu propio nome indica, trátase dun recoñecemento a este tipo de viticultura realizada en bancais e tan dificultosa. É unha viticultura complicada, aínda que hoxe xa contamos con grandes avances como poden ser os carrís, pero queda moito por facer, como por exemplo adecentar camiños e vías de comunicación”. Na opinión de Vázquez, a marca colectiva Viticultura Heroica “dará a coñecer o traballo que se está facendo, e servirá ao mesmo tempo para valorar aínda máis os viños da Ribeira Sacra”. Finalmente, en relación á Feira do Viño, Vázquez Prieto destacou que con isto Pantón dará unha imaxe de produto moi coidado dende a propia orixe da viña.

VITICULTURA HEROICA E TURISMO: TREN ABA SACRA

O tren Aba Sacra durante o seu percorrido (foto: Santos).

O tren turístico Aba Sacra é un bo exemplo de como conxugar estes dous ámbitos, e máis cando se trata de percorrer paisaxes tan espectaculares como as da Viticultura Heroica. Deste xeito, as abas (ladeiras) de Doade e Amandi, no concello de Sober, contan dende o pasado 17 de xuño cun innovador proxecto turístico que está a desenvolverse polas paisaxes dos Canóns do Sil. Segundo explicou o hostaleiro e promotor do proxecto, Antonio Rodríguez Álvarez, “trátase dun tren turístico, tipo Tschu-Tschu, sobre rodas neumáticas composto por unha máquina tractora que evoca as locomotoras Mikado que Renfe empregaba alá pola década dos anos 50-60 do século pasado, e tres vagóns panorámicos cunha capacidade para 66 viaxeiros”. O proxecto en sí xestouse fai un ano cando a empresa Iberdrola vaciou o río Sil, o que supuxo un importante descenso de visitantes a este singular anaco de Galicia. “A partir dese momento pensamos en alternativas que puideran atraer aos turistas, pero sempre nacidas da iniciativa privada, que é a que xera riqueza e postos de traballo”, engadiu Antonio. En canto ao proxecto en sí, a empresa titular do tren pretende ofertar viaxes ao “homo viator”; ao estilo do século XIX, ofrecendo unha viaxe para o coñecemento do entorno e, ao mesmo tempo, experiencias sensibles aos sentidos. “Non se trata de transportar viaxeiros, senón de mostrarlle a experiencia da viticultura heroica, a rudeza dos traballos e o encanto da paisaxe humanizada”. En canto ás rutas, o tren Aba Sacra realizará tres: a Ruta do Viño, tamén chamada Ruta Heroica, na que saíndo de diante da Cantina de Doade (Sober), o tren atravesará os bancais de Doade e Amandi; a Ruta do Románico, na que se visitarán as principais mostras do románico rural da provincia de Lugo; e a Ruta dos Miradores, na que o tren percorrerá os Balcóns Naturais do Cañón do Sil. A maiores, en todas as rutas haberá tempo para unha degustación de viño de Amandi e rosca de Sober. En relación aos horarios, de momento o tren realizará dúas viaxes, unha pola mañá e outra pola tarde, cun prezo de pasaxe de 14 euros. As reservas poden realizarse a través da páxina web: www.avistasacra.com, chamando aos teléfonos: 982 18 26 19 / 650 770 179, ou no Restaurante a Cantina de Doade.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Viticultura Heroica: a marca do futuro para o viño da Ribeira Sacra

Seguinte Nova

O Lemos aposta polo futuro: balance do estreno das categorías infantís

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Chantada contra o cancro

A solidariedade e a conciencia social uníronse en Chantada nunha loita colectiva contra o cancro. No pasado mes de decembro, a directiva
Ir aInicio

Don't Miss