“O cambio continúa en Lugo, xa non ten volta atrás”: Gómez Besteiro toma posesión como presidente da Deputación de Lugo

Redacción-Monforte

Imaxe dos deputados integrantes da nova corporación provincial presidida por Gómez Besteiro. DL

José Ramón Gómez Besteiro e os 24 deputados que forman parte da nova Corporación provincial tomaron posesión do seu cargo no Pleno de investidura celebrado o pasado mércores día 22. Este é xa o segundo mandato que lidera Gómez Besteiro como presidente da entidade provincial. Durante o seu discurso, Gómez Besteiro fixo un chamamento á unidade da provincia, a través da consigna “fagamos lucensismo, no senso de estimularnos e potenciarnos uns aos outros precisamente porque somos diferentes”, ao tempo que indicou que “grazas ao pobo de Lugo estamos vivindo un momento histórico e decisivo no futuro da nosa provincia: histórico, porque o cambio continúa na provincia; decisivo, porque, dende os primeiros pasos, estamos configurando un cambio que xa non ten volta atrás”. Con todo, o recén nomeado presidente da Deputación avogou por sumar esforzos. Asimesmo, non dubidou en recoñecer o traballo realizado polos anteriores deputados, felicitou tamén aos novos alcaldes e aos anteriores integrantes da corporación provincial, así como ao Partido Popular polos resultados obtidos. De igual xeito, tamén se referiu ao debate sobre a existencia das Deputacións e suxeriu novos camiños. “Cando un sabe cal é a súa misión non ten medo aos cambios organizativos como, por exemplo, a plantexar un novo sistema de elección directa nesta Administración ou moitos outros”, explicou.

José Ramón Goméz Besteiro saúda ao alcalde de Lugo, López Orozco, en presencia do delegado do Goberno en Galicia, Miguel Cortizo, e outras autoridades e representantes políticos. DL

PROGRAMA DE GOBERNO

Pola súa parte, o novo programa de goberno, “coa mesma autoesixencia”, procurará o equilibrio demográfico. As principais liñas xirarán en torno á reforzar a cooperación cos Concellos, o emprego, a apertura de residencias e centros de día da Deputación, a creación da empresa provincial de turismo, a cobertura contraincendios do 100% do territorio, e a creación da Autoridade Portuaria en Lugo. Asimesmo, o equipo de goberno provincial traballará, según declarou Besteiro na súa toma de posesión, para ampliar o campus universitario, axeitar novos usos para os antigos hospitais, acadar a declaración oficial dos Camiños de Inverno e do Mar como rutas xacobeas e a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, instar á posta en servizo da autovía –que non corredor– Ferrol-Barreiros, a integración do INLUDES na Deputación e a redución de asesores dos grupos políticos, entre outras diversas actuacións.

NOVENA CORPORACIÓN DA DEMOCRACIA O equipo de goberno entrante, presidido por Gómez Besteiro, constitúe a novena corporación da etapa democrática, cos precedentes da liderada por Luis Cordeiro, que ocupou o seu cargo durante un mandato, e por Francisco Cacharro Pardo, que exerceu como presidente da Deputación durante seis. Segundo declarou Gómez Besteiro, este mandato supón “a segunda fase do cambio”, en alusión ao cambio político e de xestión iniciado no organismo provincial hai catro anos por socialistas e nacionalistas. A nova corporación pasa a estar formada por 11 Deputados do PSOE, 2 do BNG, e 12 do PP. Seguindo esta distribución, entre os integrantes da corporación provincial atópanse algúns alcaldes da comarca de Lemos e arredores, tales como Miguel Ángel Sotuela (Ribas de Sil) e José Manuel Arias (Bóveda). Finalmente, logo do escrutinio e da proclamación de Gómez Besteiro como máximo mandatario provincial, todos os membros da corporación recibiron os atributos que os acreditan como deputados: medalla, diploma e insignia de ouro da provincia. Todos os deputados asinaron no Libro de Ouro. O acto de investidura contou cunha gran afluencia de público. Ademais da corporación e dos familiares do Presidente, tamén asistiron numerosos alcaldes, o delegado do Goberno en Galicia, a delegada territorial da Xunta, e o Secretario Xeral do PSdeG, entre outros.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

JON GONZÁLEZ, Creatividade en Chantada

Seguinte Nova

O Club Neka remata a temporada co Torneo Cidade de Ourense

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: