O primeiro dos cursos da USC analizará o desenvolvemento económico da zona centro e sur de Lugo nos sectores primario e servizos
Redacción-Sarria
Como cada verán, a Universidade achégase a Sarria co desenvolvemento dunha serie de cursos da denominada ‘universidade de verán’. Este ano serán dúas as actividades formativas que a Universidade de Santiago organiza na vila dirixindas tanto a estudantes como ao público en xeral. Unha delas tratará o Camiño de Santiago- do 26 ao 28 de xullo- , e a máis inmediata- que se desenvolverá do 18 ao 21 de xullo- versará sobre ‘El Desarrollo Económico de la zona Centro- Sur de la provincia de Lugo: Sectores Forestal, Agropecuario y de Servicios’.
Desenvolvemento económico zona centro- sur
Este primeiro curso, dirixido por José Federico García Fernández e Manuel Gómez Díaz, terá 75 prazas e profundará dende diversas perspectivas sobre o potencial do sector primario da man de varios expertos. Dende o punto de vista puramente económico reflexionarase sobre o binomio produtividade-competitividade na zona para un desenvolvemento sustentable. O factor traballo humano e as súas características nesta área será outra das temáticas centrais, xunto coa importancia da investigación e a Universidade dentro do futuro do sector gandeiro galego. O leite e a carne, principais produtos nesta zona, terán o seu protagonismo cunha útil reflexión arredor do abaratemento dos custes de producción, e a relevancia da cooperación dos produtores na trasnformación e comercialización do leite. Un tema tan importante coma o reprantexamento das estruturas agrarias para a viabilidade das explotacións e a análise de exemplos concretos de empresas forman parte da programación. O peso do sector forestal e as novas propostas de políticas neste ámbito completan o curso xunto coa reflexión sobre as oportunidades da agricultura ecolóxica e do horizonte emprendedor na zona sur e centro de Lugo.