A Deputación prevé estender a experiencia ás localidades da Ribeira Sacra nas que o xabarín tamén destroza viñedos
Redacción-Monforte
A Deputación de Lugo continúa a desenvolver a experiencia pioneira en Galicia para diminuír os danos producidos por fauna salvaxe na agricultura, que levou a cabo no municipio da Fonsagrada no ano 2009. Dado o éxito acadado e os beneficios obtidos, o organismo provincial decidiu estender a iniciativa aos Concellos de Castroverde, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna, nos que a afluencia de animais é maior que noutros municipios, causando danos moi cuantiosos aos agricultores da zona. Pero os técnicos provinciais están a estudar tamén a posibilidade de aplicar este sistema nas localidades da Ribeira Sacra nas que os animais causan importantes danos na cepa das vides. Concretamente, o TECOR de Quiroga xa solicitou a colaboración do INLUDES para paliar esta lacra que cada vez máis está a afectar aos produtores de viño da zona sur da provincia, o que lles provoca perdas económicas cuantiosas, tal e como indicou a Federación de Caza de Lugo. Así por exemplo, Juan Mateo, presidente do coto de Montefurado (Quiroga), explicou que dende este TECOR xa teñen solicitada a axuda ao organismo provincial. “Nós solicitamos para facer sementeiras, para que os xabaríns deixen as viñas e as hortas nas que fan destrozos e se centren un pouco nos sitios onde sementamos o trigo; e tamén desbroces para os corzos, coellos, perdices e toda a fauna en xeral”.
Mateo tamén explicou que os danos soen ser múltiples, “nestes momentos ainda non é moito, pero en canto as uvas comecen a coller un pouco de cor iso é un desastre, non hai viña que non sexa paseada todas as noites, hai que telas cerradas, con alambrada, e ainda así levantan a alambrada, van ás hortas, arrancan as patacas, os pementos, un desastre nos prados e en todos os lados, aínda que a nós aféctanos principalmente ás viñas e ás hortas”. Pola súa parte, o animal que provoca máis danos soe ser o xabarín, posto que arranca as viñas, mórdeas e tamén as tira. “O valor dos danos que producen é incalculable, porque hai viñas das que ao remate da temporada non podemos recoller nada, e todo o mundo protesta; pedimos batidas, pero aínda así non se fai nada. A ver se agora, tendo aos animais entretidos en algo que lles guste, con sembrados específicos para eles, no monte comunal e o máis alonxado posible das viñas, deixan de provocar tantos danos”.
No caso da Fonsagrada, a solución adoptada consistiu precisamente en iso, en sementar con diferentes tipos de millo e trigo varias parcelas, de tal xeito que a súa aplicación favoreceu a apetencia do xabarín, evitando que actuara nas fincas de particulares e nas vías de circulación. En España tan só contan cunha iniciativa semellante tres provincias, que son as de Toledo, Soria e Zamora.
Outros servizos
Noutro orden de actuacións, a Deputación provincial ven de facer balance do servizo prestado polos parques de bombeiros da zona norte. Concretamente, os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro e Vilalba, que atenderon un total de 20 emerxencias acontecidas en once concellos da zona norte da provincia durante o pasado mes. Son datos que reflicte o primeiro informe de actuación de ditas instalacións contraincendios, logo de que o Consorcio Provincial de Bombeiros lograse a súa posta en marcha o pasado 1 de maio. Os 66 profesionais interviron así nos seguintes municipios: Barreiros (1), Foz (4), Burela (2), Mondoñedo (1), Alfoz (2), Riotorto (1), Vilalba (1), Abadín (2), Xermade (2), Viveiro (3) e Cervo (1). Das 20 intervencións realizadas, 10 foron extincións de incendios en vivendas, locais, vehículos ou servizos municipais, 3 excarcelacións, 2 rescate de persoas, e as restantes corresponderon a actividades de prevención tales como limpeza de estradas ou a actuacións debido a inundacións. O informe de actuación tamén reflexa que o tempo de resposta medio por emerxencia foi de 8 minutos, mentres que os de intervención e ocupación foron de 3 horas. Ademais, os 12 vehículos adquiridos polo Consorcio (4 por instalación) realizaron un total de 1.464 quilómetros. Os parques de bombeiros de Barreiros, Viveiro e Vilalba prestan servizo as 24 horas dos 365 días do ano, e dan cobertura ao 100% da zona norte da provincia, atendendo así a 25 concellos.