Concerto baixo a lúa e cea con queimada folk, os puntos fortes para este verán en Ribas de Sil

A programación de verán do Concello de Ribas do Sil conta con multitude de actividades para os meses de xullo, agosto, setembro e tamén outubro

Redacción-Monforte

O Concello de Ribas de Sil xa ten en marcha a programación cultural para este verán. De feito, o programa preparado xa botou a andar no mes de xuño coas actividades culturais que se programaron coa Festa da Cereixa e cunha obra de teatro o pasado 25 de xuño. “Pero digamos que a partir de agora, como continuación a esta programación, temos durante os meses de xullo e agosto os tradicionais obradoiros e actividades de verán cos pequenos do concello, que inclúen diversas actividades en horario de luns a venres de dez e media da mañá a unha e media do mediodía todos os días”, explicou o tenente de alcalde, Roberto Castro. Estas actividades consistirán en xogos deportivos, saídas á praia fluvial, viaxes lúdico-culturais, manualidades, rutas de sendeirismo e tamén obradoiros de pintura, de cadros de area, etc. “Non teñen custe, é dicir, son actividades completamente gratuítas, e é o Concello o que se encarga da organización, loxística, persoal de apoio e custes materiais necesarios. E son ademais actividades que contan sempre coa participación de en torno a 40 rapaces, especialmente entre mediados de xullo e mediados de agosto, que soe ser sempre a temporada de máis afluencia de xente”. Asimesmo, para todos os xoves dos meses de xullo e agosto están programados obradoiros de manualidades en horario de once da mañá a unha da tarde.

ACTIVIDADES EN XULLO

Concretamente, para o mes de xullo está prevista o día 16 unha experiencia que se fará por primeira vez este ano. “Algunha vez temos traído un concerto de música clásica, pero sempre o facíamos na igrexa, e o ano pasado con cargo ao programa Camiños de Cultura, fixemos un pequeno experimento na praza do Concello, con uns micrófonos de ambiente. E a verdade é que a experiencia funcionou moi ben e a xente marchou encantada, porque ademais había unha fonte botando auga, o concerto de violíns non era de música clásica exactamente, senón maís ben tipo boleros, estábamos á luz da lúa, e ao final o resultado foi espectacular”, sinalou Castro. “De ahí que agora lle chamemos así: Concerto de música clásica baixo a lúa”. Dita actividade terá lugar na praza do Concello ás dez e media da noite. Para o día 24 de xullo ás oito da tarde está prevista a organización dun teatro de títeres, no anfiteatro da praia fluvial. Cómpre sinalar que os dous escenarios máis habituais empregados para desenvolver as actividades do Concello de Ribas de Sil son o anfiteatro da praia fluvial e o escenario que hai na praza do Concello. “No verán sempre tentamos achegar as actividades á xente, por iso buscamos lugares por onde transitan maioritariamente, que son estes dous”. Xa o día 30 de xullo, hai programado un concerto infantil a cargo de Ana Leira e o seu grupo. “Interpretarán cancións para os máis pequenos tentando interactuar co público e recuperando aquelas cancións máis tradicionais”. Farase na praza do Concello ás nove da noite. Estas dúas últimas actividades están financiadas polo programa Camiños de Cultura da Xunta de Galicia, que participa asumindo o custe do 60%, tendo que asumir o Concello o 40% restante.

A temporada na que o concello de Ribas do Sil rexistra máis afluencia de xente soe ser durante os meses de verán. Arquivo EC

AGOSTO A TOPE

Xa para o mes de agosto, a primeira das actividades está prevista para o día 13 coa celebración dunha cea popular ás nove da noite. “É unha cea que facemos de xeito interrumpido, hai anos que se fai e outros que non, en función da data. E bueno, tense feito paella, outra vez tortilla, tamén churrasco, pero este ano está aínda por decidir que é o que se fará. Iso sí, esta cea terá como novidade a organización dunha queimada folk ás once da noite. Chamámoslle así porque é unha especie de escenificación do conxuro da queimada con música e ambientación meigalla, e un pouco tamén en recordo e homenaxe á meiga de Torbeo que recentemente foi moi coñecida a nivel estatal debido á reportaxe do programa Cuarto Milenio”. Pola súa parte, os días 14, 15 e 16 de agosto terán lugar as festas patronais coas súas correspondentes verbenas. Pero é de destacar por exemplo que o día 14 faranse uns xogos infantís especiais, e ese día será tamén o día da xuventude, con obradoiros e hinchables. O día 15 terá lugar a tradicional procesión en San Clodio, e o 16 destacan os tradicionais fogos artificiais ás doce e media da noite, “que se levan facendo durante máis de 50 anos consecutivamente, e que acaparan unha parte moi importante do orzamento destinado á organización das festas, pero que ao mesmo tempo son un reclamo moi efectivo para traer xente de outros concellos a disfrutar dun espectáculo que soe durar unha media hora, e no que hai fogos que non lle teñen nada que envexar aos de outras cidades, como por exemplo Monforte”. No mesmo mes, para o día 20 está programado no anfiteatro da praia fluvial unha actividade de contacontos, onde se mistura a música e distintos personaxes que se crean con globos e escuma. Un espectáculo pensado especialmente para os máis pequenos.

ACTOS EN SETEMBRO

Rematadas as actividades máis fortes, xa no mes de setembro, grazas ao proxecto Buxiganga da Deputación de Lugo, terá lugar o día 10 na praza do Concello a representación da obra “As Alegres comadres de Windsor”, a cargo da compañía Achádego Teatro. “E despois, os sábados e domingos de setembro e outubro, de once da mañá a unha da tarde, terá lugar unha campaña de animación á lectura, coa que se pretende aproveitar o feito de que os pequenos xa comezan a estar máis na casa, e polo tanto fomenten a práctica fundamental da lectura”. O Concello contribúe así cunha pequena campaña de fomento da lectura, con agasallos de libros e con diferentes actividades que fomentan este hábito.

“INOPERANCIA DA XUNTA” PARA RESOLVER AS AXUDAS CULTURAIS

Roberto Castro tamén apuntou que de momento este é o programa de actividades, pero que agardan contar con máis. “O que ocorre é que tamén temos unha serie de actividades planificadas con subvencións, pero mentres non teñamos coñecemento desas subvencións, realmente non se poden programar porque son actividades que ao mellor supoñen un esforzo inversor por parte do Concello moi grande, e que poderían ser cofinanciadas. Sen embargo, ante a inoperancia da Xunta, que non nos dá contestado nin dá sacado as liñas de axudas que sacaba todos os anos, estamos coas máns atadas. Mentres non chegue ese apoio non podemos adiantar máis”, concluiu Castro.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Obras na Casa da Cultura de Ribas do Sil

Seguinte Nova

Negociacións para formar goberno

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: