O pleno do Concello de Quiroga asigna áreas e dedicacións
O pasado 23 de xuño celebrouse unha sesión extraordinaria do pleno da corporación do Concello de Quiroga. Na orde do día ían varios puntos, entre eles, as dedicacións de determinados membros da corporación, nomeamentos de tenentes de alcalde, dos membros da Xunta de Goberno e de concellerías delegadas. En canto ás dedicacións, suprimíronse dúas dedicacións exclusivas; a do alcalde e a dun tenente de alcalde, sendo a retribución anual total de ambos de 83.540,76 euros, e designouse unha soa dedicación parcial (dez horas á semana) correspondente á concellería de xuventude, cunha retribución anual de 11.782,32 euros. Ambas retribucións inclúen a aportación á Seguridad Social e os soldos. “Coa supresión destas dúas dedicacións exclusivas, o Concello de Quiroga aforra un total de 71.758,44 euros, sendo esta supresión unha medida de austeridade para os vindeiros catro anos”, explicaron dende o Concello.
Asimesmo, nomeáronse membros da Xunta de Goberno a tres concelleiros: Ana María Núñez García, José Enríquez Álvarez e José Ángel Rodríguez Raposo. E tamén se nomearon tres tenentes de alcalde: primeiro tenente de alcalde, Ana María Núñez García; segundo tenente de alcalde, José Enríquez Álvarez, e terceiro tenente de alcalde, José Ángel Rodríguez Raposo. Por outra parte, sen prexuizo das delegacións e das atribucións na Xunta de Goberno, tamén se efectuaron as seguintes delegacións: Deportes e piscinas no concelleiro José Enríquez Álvarez; Atención ao cidadán no concelleiro José Ángel Rodríguez Raposo, Cultura na concelleira María Dolores Sánchez Durán, Xuventude na concelleira Rosa María Arza Rodríguez, Medio Rural no concelleiro Manuel Mondelo Rodríguez, Educación, Benestar e Igualdade na concelleira Ana María Núñez García, e por último, Turismo e Eventos no concelleiro José Luís Rivera Castro.