
O grupo de Monforte de Lemos “Acampada Monforte” do Movemento Democracia Real Xa (Movemento 15-M) tamén saiu á rúa o 19 de xuño. O percorrido para protestar, neste caso fundamentalmente contra o pacto do euro, comezou ás sete da tarde na estación de autobuses de Monforte, para posteriormente proseguir pola rúa Doutor Casares, o paseo de Malecón e a rúa do Comercio ata a praza de España, para rematar na zona da Compañía pasando antes polo Cardenal, onde finalmente se leu un manifesto. O anuncio da convocatoria tivo lugar uns días antes por parte dos organizadores monfortinos, momento no que Mon López, xunto aos seus compañeiros, leu un comunicado e insistiu en que se trataría dunha protesta “pacífica rechazando en todo momento os actos violentos”. Ademais, Monforte recibiu o 28 de xuño a marcha dos indignados do sur de Galicia de camiño a Madrid. Acamparon no Parque dos Condes e atenderon as consultas e comentarios dos veciños.