Actividades para todos os gustos
Redacción-Monforte
O Concello de Quiroga vén de sacar á rúa a programación cultural para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Tal e como indicaron, as actividades recollidas en dito programa son o resultado do traballo realizado polo Concello de Quiroga coa coordinación entre os distintos servizos municipais encargados cada un deles dun sector poboacional: muller, xuventude, educación, infancia e terceira idade. Así, nos meses de verán, obradoiros, teatro de rúa, animación infantil e actividades lúdicas e deportivas conforman a actividade deste trimestre. Cabe salientar os campamentos de verán para os nenos e as nenas en idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, que se desenvolverán de luns a venres, entre as dez da mañá e as dúas da tarde en distintas instalacións municipais. Estes campamentos de verán inclúen actividades artísticas, deportivas e formativas. Ademais do carácter lúdico-deportivo, os cursos de verán teñen como obxectivo facilitar a conciliación da vida familiar e laboral. Esta actividade conta coa colaboración da Consellería de Educación a través do Programa de Apertura de Centros Escolares fóra de horario lectivo. Pero nesta programación a música, en todos os seus estilos, ocupa un lugar importante, con numerosas actuacións ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro. Así, dende xuño a setembro terán lugar 12 actuacións do programa Música na Rúa, que leva moitos anos funcionando con éxito. Por outra banda, haberá concertos para a xuventude, con grupos xuvenís como Utopía, Santa Compaña e Letal Chains.
A maiores de todo isto, “as festas de verán con actuacións folclóricas, animación infantil, teatro de rúa e actuacións musicais de distintos estilos, etc, contribuirán a complementar os moitos atractivos turísticos de Quiroga como lugar de vacacións para toda a familia”. Por outra banda, a promoción de produtos típicos, que está presente no Concello de Quiroga ao longo de todo o ano, ensalza neste tempo o mel, que será o protagonista na celebración da XX Mostra do Mel de Quiroga o vindeiro día 10 de agosto. Polo que respecta ás actividades deportivas hai que destacar algunhas como a ruta polo val de Quiroga en mountainbike, o campionato de baloncesto 3×3, o torneo de tenis, o torneo “Futsal Cup” e tamén o sendeirismo e as rutas que se fan pola natureza.