Volta ao pasado en Rubián

A feira do século pasado regresará ao municipio de Bóveda o vindeiro 14 de xullo

Redacción-Monforte

Un ano máis, o Concello de Bóveda xa está a organizar a que será a novena edición da feira Outrora en Rubián. De sobra é coñecido que cada 14 e 29 de mes durante todo o ano celébranse as feiras gandeira, agrícola e con mercadillo da zona, pero cada 14 de xullo os veciños de Rubián retroceden no tempo para celebrar unha xornada de feira ao estilo máis antigo, recuperando así o que era a feira tradicional de finais do século pasado ata mediados deste. Unha iniciativa que surxiu do propio Concello dende o departamento de Cultura.

Ao longo da xornada de feira os centos de visitantes poderán contemplar a recreación de oficios antigos. Arquivo EC

 

ARTESANÍA, OFICIOS ANTIGUOS E GASTRONOMÍA TRADICIONAL

Deste xeito, como cada ano o evento dará comezo arredor das nove e media da mañá, para abrir o recinto ao público ás dez. Coa capela Ecce Homo de Rubián como punto de referencia, ao redor os visitantes poderán disfrutar de todo tipo de postos de artesanía e demostracións de oficios antigos. Os responsables municipais de Cultura explicaron que este ano haberá, entre outras moitas cousas, “talla en madeira, telar e todo o que ten que ver coa artesanía textil, como pode ser o encaixe de bolillos e os bordados, artesáns de coiro e de cesteiría que farán demostracións nos propios postos, oficios tradicionais como o de panadeiro, ferreiro, tamén postos de xoiería tradicional, drapería, vidro, esmalte, oleiría, e, por suposto, elaboración de produtos artesanais que teñen que ver máis coa gastronomía, como licores, marmeladas naturais, mel ou roscas”. Unha serie de produtos que tamén se poderán degustar. Ademais, é de destacar que dende a organización sempre esixen produtos que sexan pouco elaborados, “tal e como se vendían nas feiras de antes”.

A feira Outrora acada cada ano máis visitante pola súa singularidade. Arquivo EC.

 

FILLOAS Á PEDRA, NOVIDADE DESTE ANO

Unha das novidades deste ano radica en que xa está confirmada a asistencia dun posto para facer filloas á pedra, que compartirá xornada con outros postos máis asiduos como o do afiador. A maiores de todo isto tamén se desenvolverán actividades paralelas, como obradoiros para nenos, pero que estarán abertos á participación de todos os que o desexen, así como un concerto de música de cámara a cargo de Mijail Moriatov; títeres, xogos populares, e a festa da auga e da espuma para os máis cativos. Pola súa parte, ao longo de todo o día serán as coplas e os cantares de cego os que animen a veciños e visitantes a degustar os produtos gastronómicos típicos da zona; ao igual que a música da Banda Municipal de Bóveda, as gaitas e os integrantes da escola municipal de baile amosando as tradicións folclóricas da zona. E como en edicións anteriores, non faltará á tardiña a recreación etnográfica da malla do centeo que se facía antigamente, así como o isco no guizo ou tradicional pancetada. Ambientada recreando un mercado tradicional, a feira rematará pola noite cun espectáculo de música.

POSTA EN VALOR DO PATRIMONIO INMATERIAL

Entre os obxectivos deste evento figuran os de recuperar o significado do antigo mercado tradicional de finais do século XIX ata mediados do XX, así como o de rescatar e manter as tradicións populares locais, entendidas como identidade do propio municipio de Bóveda, e en concreto de Rubián; e promocionar a artesanía de toda zona sur de Lugo, e mesmo de Galicia. Pero a maiores, con esta feira Outrora tamén se busca a recuperación de tradicións como os xogos populares; e á vez amosar profesións, usos e costumes asociados á vida do rural galego interior. En definitiva, todo o que sexa potenciar o interese turístico e cultural do municipio, cunha fórmula que semella funcionar, xa que ano tras ano aumenta tanto a afluencia de visitantes como a participación de artesáns.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O colexio de Currelos: 25 anos de función educativa no rural

Seguinte Nova

O Comisario Europeo de Agricultura visitou Chantada

Últimas noticias sobre CULTURA

     
A %d blogueros les gusta esto: