Adiante coa primeira fase do porto seco de Monforte

O prazo de execución é de sete meses e o investimento ronda os tres millóns de euros

Redacción-Monforte

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, presidiu a semana pasada en Monforte a firma do contrato da primeira fase das obras de urbanización do porto seco da localidade, cuxo investimento ronda os 3 millóns de euros e conta cun prazo de execución de sete meses. A obra de urbanización desta primeira fase, que deberá estar rematada así a comezos do ano que ven, será desenvolta pola empresa lucense Asogal, cuxo administrador, José Luis Iglesias, procedeu ese mesmo día á firma do contrato. No acto tamén estiveron presentes o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José María López Vega; o director xerente de Xestur Lugo, Jorge Carballeira; e o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez.

Firma do contrato da primeira fase das obras do porto seco de Monforte. EC

DISTINTAS FASES

A primeira fase do proxecto ocupará unha extensión de preto de 130.000 metros cadrados (do total dos 307.053 de superficie que terá a nova área loxística). Así mesmo, os usos proxectados para a superficie que se vai urbanizar serán: solo empresarial, que ocupará uns 54.000 m², divididos en cinco zonas; zona de equipamento, que ocupará uns 20.000 m²; zona verde (44.615 m²); plataforma intermodal (5.134 m²); viais e aparcadoiros (7.980 m²). Ademais, a zona da rede viaria que conectará coa estrada Monforte de Lemos-límite da provincia de Ourense e a N-120 tamén será urbanizada; o que suporá unha extensión de 28.687 m². A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), é quen asume o financiamento da obra desta primeira fase que, contando as obras de urbanización, o custe de adquisición dos terreos e os traballos técnicos, suporá un investimento de arredor de 5,56 millóns de euros. No desenvolvemento da totalidade do porto seco de Monforte, a Xunta investirá máis de 12,3 millóns de euros. Trala firma, Arias destacou a gran importancia deste primeiro paso, e lembrou o compromiso do conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Fernández de sacar adiante canto antes o proxecto. Pola súa parte, o alcalde de Monforte, agradeceu o apoio da Xunta e amosou a súa disposición a colaborar cun proxecto que permitirá o establecemento de máis empresas na comarca.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Acordo definitivo entre os traballadores da limpeza de Monforte, sindicato e empresa

Seguinte Nova

Compromisos do goberno provincial de Lugo para este mandato

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio

Don't Miss