Probablemente unha das mellores novas que esta lei nos trae sexa o propio feito da súa elaboración. As características diferenciadoras do sector forestal galego co do resto da península –agás a cornixa mediterránea coa que garda máis similitudes que diferenzas- fan precisa unha norma propia que regule o monte galego.
Existen medidas contempladas neste documento que poden contribuír, se son operativas, ó establecemento dun principio de xestión do sector forestal galego, pois determina medidas ambiciosas para o porvir deste sector. Dende a Mancomunidade de montes veciñais en man común Lugo-Sur, e sobre todo no que respecta ós montes Veciñais en Man Común, vemos necesarias moitas destas medidas, como a obriga de dotar ós montes dunha superficie considerable –a lei propón máis de 15 hectáreas- dun instrumento de xestión forestal, pois a partir dunha xestión forestal ordenada pódese garantir os principios de persistencia da masa, rendemento sostido e máximo de utilidades, que son os principios da ordenación forestal. Ó mesmo tempo, e como tamén se di no borrador da norma, é imprescindible que a imposición desta norma vaia acompañada da dotación de medidas orzamentarias de apoio que permitan a consecución destes obxectivos naquelas comunidades que dispoñen de menos recursos.
A potencialidade do noso monte en canto á produción de cogomelos, froitos como a castaña e outros produtos complementarios está comprobada e contrastada pola historia, polos modos de vida dos nosos antepasados e non tan antepasados. Por iso, ó analizar o documento, vemos necesaria a mellora, a modificación ou adicción de normas máis específicas ou medidas máis precisas para o aproveitamento destes sectores complementarios como ocorre no caso dos cogomelos.
Ocorre co mesmo unha modificación substancial do importe que as comunidades de montes deben re investir no monte veciñal. Actualmente está fixada a porcentaxe no 15% dos recursos das comunidades e coa nova norma pasará a ser do 40% podendo ascender en casos excepcionais ó 100% do ingresado. Esta medida foi unha das máis criticadas na asemblea da Mancomunidade celebrada ó efecto de analizar o presente documento. As comunidades asociadas entenden necesario o re investimento no monte veciñal, na maioría dos casos da totalidade dos ingresos, pero declaran que a disposición destes fondos é unha das poucas decisións que poden tomar as asembleas veciñais e coa imposición da norma quítaselle peso de decisión ás mesmas.