Pacadar: Máis do 70 % dos terreos xa son do organismo provincial

O 27 % restante para a instalación de Pacadar en Monforte adquirirase en breve xa que hai opcións de compra

Redacción-Monforte

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado do voceiro municipal socialista, José Tomé, trasladouse hai uns días ata Monforte para asinar xunto a 28 veciños da zona sur e ante notario, as escrituras que converten a este organismo no propietario doutros 40.546 metros cadrados correspondentes a oito parcelas no polígono industrial do Reboredo, destinados á instalación de Pacadar. Este espazo, que representa o 31,5% dos terreos, engádese aos máis de 51.000 metros cadrados adquiridos o pasado mes de maio (o 42%), logrando así que a Deputación dispoña xa do 73% dos 130.000 metros cadrados necesarios para a empresa de prefabricados de formigón.

O presidente da Deputación de Lugo, nun momento da firma dos cheques pola compra dos terreos destinados á implantación de Pacadar. DL.

Asimesmo, o presidente avanzou que o 27% restante “adquirirase nos vindeiros días xa que hai opcións de compra”. Isto suporá que, de xeito inmediato, a institución provincial completará o proceso de adquisición, permitindo que, en ano e medio, Pacadar inicie as obras de construción. “A empresa pídenos 100.000 metros cadrados útiles, pero para iso necesitamos 130.000 metros cadrados. Unha vez completemos esta fase xa nos poñeremos coas modificacións urbanísticas necesarias, e seguiremos cumprindo co compromiso de crear emprego e frear o despoboamento demográfico no concello de Monforte”, explicou Besteiro. E é que coa sinatura das novas escrituras, o Goberno provincial refrenda o seu primeiro compromiso e máxima prioridade de cooperar cos Concellos, primando todas aquelas iniciativas que faciliten a creación de emprego e eviten o despoboamento demográfico.

Seguintes pasos

Rematada a adquisición dos terreos, o seguinte paso será converter o solo rústico en urbano. A axilidade deste trámite dependerá da Xunta de Galicia e do Concello de Monforte, administracións que deben aportar as licenzas correspondentes. A continuación, o organismo provincial, mediante SUPLUSA, será o encargado de redactar o proxecto para iniciar a súa execución o vindeiro ano. Finalmente, tal como establece o convenio asinado entre Deputación e Pacadar, venderanse os terreos á entidade de prefabricados de formigón a un prezo de 12 euros/m2; “un prezo competitivo, que representa a suma dos custes de adquisición e urbanización, facendo que o beneficio para a Deputación sexa cero”.

Gómez Besteiro, presidente da Deputación de Lugo, acompañado por José Tomé, concelleiro socialista en Monforte, na súa chegada á firma da compra dos terreos. DL.

Pola súa parte, José Tomé aproveitou a ocasión para amosar a súa satisfacción. “Este é un paso importantísimo debido a que levamos anos e anos sen que ningunha empresa se instale en Monforte. Só me queda darlle o meu agradecemento ao presidente da Deputación e lembrar que estamos ante unha serie de trámites necesarios e obrigatorios que finalmente servirán para crear emprego e tamén para axudar a frear o despoboameto; unha das principais preocupacións da Deputación. Debemos ter en conta que coa instalación de Pacadar en Monforte revitalizarase o polígono industrial, pero tamén os seus arredores”.

A posta en marcha da factoría monfortina suporá a contratación de 100 persoas, todas elas, segundo o marcado pola institución provincial, serán de Lugo, prevalecendo a zona Sur. A maiores, tamén se crearán novos postos de traballo indirectos tales como transportistas xa que a infraestrutura lucense atenderá as necesidades do mercado en Galicia, Asturias, no oeste de Castela e León, e no norte de Portugal. Con todo isto, Besteiro salientou finalmente que a provincia de Lugo encabezou o retroceso demográfico de 2010 en Galicia, e destacou que a zona sur foi a máis prexudicada. Ante esta situación demográfica, o presidente subliñou que “a Deputación non se conforma cunha provincia sen xente. Por iso, neste mandato a estabilidade demográfica estará moi presente; díxeno antes das eleccións municipais e voltoo a dicir agora, este proceso non ten volta atrás, Pacadar situará a súa sétima factoría en Monforte”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Seguimiento de encuestas

Seguinte Nova

Sarria acoge el Campus Baloncesto no Camiño

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

     
A %d blogueros les gusta esto: