O pasado luns 11 de xullo comezaron as obras de reforma da Praza de Abastos de Monforte, despois de que nunha das últimas xuntas de goberno local se aprobase o plan de seguridade desta obra.
TRABALLOS PARA EVITAR MOLESTIAS EN AGOSTO
Segundo explicou a concelleira María Xosé Vega, “actuarase en toda a pranta baixa e tamén na parte de arriba para mellorar e innovar este espazo”. Ademais, “para evitar molestias no mes de agosto, realizouse un plan de obra no que se comezará pola zona da froitería e verduras, que serán trasladadas á zona central onde hai locais vacíos”. Con isto, durante os meses de xullo e agosto arranxarase a zona onde están as froitas porque é o módulo que necesita máis obra.
ESPAZO GASTRONÓMICO INTEGRADO NA PRAZA DE ABASTOS
Despois da súa remodelación, este será un espazo gastronómico, “para tapear ou comer a comida do mercado. A continuación acometerase a obra do pavillón esquerdo, no que se instalarán os postos actuais, pero xa como postos de venda completamente reformados, nos que se primará a eficiencia dos espazos tanto para o vendedor como para o cliente, cunha imaxe de liñas limpas e actua”l. A nave central e histórica, será a última fase deste proxecto. Aquí habilitarase un espazo para a celebración de mercados especializados e temporais, que rotarán ao longo do ano co que se pretende aumentar o fluxo de visitantes a este edificio.
REORDENACIÓN DO TRÁFICO
A realización destas obras suporá unha reordenación do tráfico temporal. Así, ao desaparecer varias prazas de aparcamento en torno á Praza de Abastos, habilitarase como zona de carga e descarga o primeiro tramo da rúa Inés de Castro, dende as 08:00h ata as 11:00h. Ademais, de 11.00h a 14.00h será zona de aparcamento limitado a 15 minutos. Unha reordenación acordada en todo momento cos praceiros. En canto a prazos de execución, está previsto que para o mes de Nadal, a praza de abastos esté lista e en funcionamento. Conta cun orzamento de 800.000 euros financiada na súa totalidade polo goberno central.