Redacción- Monforte
Despois de rematar a actividade da ruta do románico posta en marcha pola Universidade de Vigo dentro do proxecto de Agroturismo en Terra de Lemos; dende o pasado 1 de xullo e ata o vindeiro 30 de outubro de 2011, continuarán as rutas dende a Sociedade Cooperativa Galega Aldea Nova. As rutas serán as mesmas que se veñen desenvolvendo ata o de agora, pero con algúns cambios. Deste xeito, a ruta do románico de Pantón terá as súas saídas os venres ás catro e media da tarde do mosteiro das Bernardas en Ferreira de Pantón; mentres tanto, a ruta do románico de Sober será os sábados á mesma hora e con saída da praza do Concello en Sober; e xa por último a ruta do románico de O Saviñao farase os domingos ás once e media da mañá, partindo da praza do Concello en Escairón. Pola súa parte, o prezo por persoa e ruta será de 5 euros.
Turismo on-line
Seguindo no ámbito do turismo, é de destacar que o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra ven de poñer en marcha o que denominaron central de reservas Ribeira Sacra. “Dende o Consorcio de Turismo apostamos pola creación desta ferramenta de comercialización online específica para Ribeira Sacra”, sinalaron. En resumo, trátase de maximizar as posibilidades que ofrece unha web que rexistra tantas visitas como as que ten na actualidade. Asimesmo, co obxectivo de potenciar o turismo ainda máis, nos próximos meses haberá novas incorporacións e a ampliación deste soporte para a xestión de reservas, a outro tipo de establecementos e empresas da zona.