A Mostra do Mel cumple vinte anos en Quiroga

Redacción- Monforte

O 10 agosto, a vixésima edición da Mostra do Mel de Quiroga servirá para poñer o broche final a uns días especiais para o municipio, que celebra as súas festas do 4 ao 7 dese mesmo mes, facendo un pequeno descanso para volver novamente ás rúas o día 10 coa organización da feira máis grande do ano na vila. Os produtores de mel da zona de Quiroga cumpren dúas décadas de promoción deste manxar a través deste evento impulsado polo Concello. Un total dez apicultores da zona serán os que unha vez máis realicen a degustación e venda dun produto dos máis populares desta área xeográfica e de elaboración tradicional, e farano combinando a súa promoción coa doutros produtos típicos coma o aceite e as castañas. O vindeiro día 23 o Concello levará a cabo unha xuntanza cos produtores, entre eles algúns dedicados á produción ecolóxica e tamén dende o cooperativismo, para ultimar os detalles deste evento consolidado xa como unha cita ineludible no sur de Lugo.

Exposición relacionada co mel e a actividade apícola no Museo Etnográfico de Quiroga. (Cedida por Museo Etnográfico de Quiroga).

Algo tan importante para a tradición e a historia quiroguesa como é o mel, non podía deixar de estar presente a través dun espazo singularizado dentro do Museo Etnográfico de Quiroga, onde destacan a súa evolución ao longo dos anos, sobre todo nos sistemas de produción, que variaron dende os ancestrais cortizos ata a moderna colmea de alzas. Os estudosos destacan que a sona do mel de Quiroga no mercado é posible grazas á enorme variedade de flora apícola coa que as abellas traballan nunha “terra de contrastes”, o que unido á naturalidade e “pureza” dos lugares onde se atopan as albarizas fixo que moitos dos produtores conten cunha importante produción ecolóxica rexistrada.

Eventos durante todo o día

Non todo pode ser baile e verbena, e as festa de verán confecciónanse en Quiroga a través de múltiples actividades de ocio e deportivas dirixidas a todos os públicos. O programa, moi popular e aliado das citas de sempre, caracterízase pola actividade de día e de noite e escomezará polo campionato de tute que se celebrará no centro social o día 30 de xullo a partir das 20.00 horas.

Xuventude e música de grupos locais

O día 4 darán comezo os festexos propiamente ditos nunha noite dedicada especialmente aos mozos cun concerto na rúa no bar Chapakuña. Xa na madrugada terá lugar un festival na zona dos pubs que terá como protagonistas aos grupos locais Lethal Chains, Santa Compaña e Utopía. Nesta xornada tamén se entregarán os premios do concurso de fotografía organizado pola área de Xuventude.

Tradición, deportes e verbenas

O día 5 de agosto, os veciños de Quiroga amencerán con pasacalles e actuacións de grupos de gaita e baile tradicional. Xa pola tarde disputaranse as finais dos torneos de fútbol sala infantil e alevín e o torneo de fútbol sala feminino. A partir das 20.30 horas será a sexta edición da festa merenda da comunidade de montes da Conchada coa actuación do dúo Fondo Tropical. Xa o 6 de agosto haberá novamente pasacalles, desta volta coa Banda de Música de Antas de Ulla, que ofrecerá tamén un concerto antes da hora do xantar diante da casa consistorial. Pola tarde haberá torneo 3×3 de streetbasket en diferentes categorías no pavillón. Xa pola tarde noite terá lugar o Festival Folclórico co grupo Lemavos de Monforte e Cruz de Santiago de Villanueva de Los Infantes. As orquestras Pontevedra e Grupo Máster serán as encargadas de amenizar a verbena ese día. O domingo será un espectáculo de rúa o que poña festa en horario de mediodía, xa que o grupo Troula Animación achegará o Moulin Rouge á Rúa Real. Xa pola tarde disputarase o terceiro Trofeo de Fútbol de Veteranos no campo municipal. A festa volverá á noitiña coas orquestras Costa Oeste e Grupo Alkar.

Para os máis pequenos

O día 6 pola tarde desenvolverase a terceira edición do concurso de pintura con xiz no chan e a festa infantil na Praza de España. O día 7, a partir das 19:30 horas unha chea de xogos coma o parchis xigante, scalextric dixital ou enredos.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Preocupación polo freazo nos traballos do corredor Sarria Monforte

Seguinte Nova

Aprobado o financiamento dos soldos para os catro bombeiros do parque de Monforte

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: