Un agosto de actividade gastronómica e cultural en Sober
Redacción- Monforte
O 6 de Agosto o Concello de Sober rendirá homenaxe á familia Barbagelata, unha das máis destacables do mundo da cinematografía en España. A denominada Rúa do Cine pasa a denominarse Rúa do Cine Barbagelata, despois de que a corporación soberina o aprobase no pleno deste venres 22 de xullo por iniciativa do alcalde Luis Fernández Gutián. Pero os actos máis importantes desta homenaxe concentraránse o primeiro sábado de agosto co descubrimento da placa que renomea a rúa e co desenvolvemento dunha táboa redonda a cargo do escritor Claudio Rodríguez Fer, o xornalista monfortino Ángel Arnáiz, o especialista en cinema Valentín Barreiros e o vicepresidente da Academia Galega do Audiovisual, Pepe Coira. Os actos iniciaranse ás 12 da mañá coa recepción de convitados na Casa do Concello de Sober por parte do alcalde e a Delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias. Non faltará a esta homenxe a propia familia Barbagelata: Alfonso Barbagelata que, segundo comentou Luis Fernández Guitián, “con máis de 90 anos conserva unha extraordinaria memoria”, a sua dona, Olga Martinez, os seus fillos Alfonso, José Eduardo e María Eugenia e os seus netos.
O CINEMA EN SOBER E A FAMILIA BARBAGELATA
A familia Barbagelata foi pioneira do cinema no estado español a principios do pasado século dedicándose con anterioridade a outro tipo de espectáculos ambulantes. Os primeiros filmes exhibidos en España polos Barbagelata foron mercads directamente aos Pathe Freres, inventores do cinema, segundo destacou o impulsor da homenaxe. Tras percorrer gran parte de España, os Barbagelata asentaríanse en Galicia. Cunha permanecia importante na cidade de Ourense, instaláronse en Monforte de Lemos polo ano 1910. Segundo relata o rexedor local, “foron inicialmente o avó e o pai de Alfonso Barbagelata, genovés e francés respectivamente, os que rexentaron a empresa”. Foi a finais da década dos 50 cando Alfonso Barbagelata coa sua dona, Olga Martínez, impulsaron unha sala de cinema na localidade de Sober. Por aquelas datas, e segundo os testimonios recollidos por Fernández Guitián, a iniciativa do cinema “foi un éxito impresionante; enchíase a sala todas as fins de semana e días de feira. Era una sala moderna e fermosa cunha completa cabina de proxección”. A sala pechou a mediados dos 70 como moitas outras a causa da chegada da televisión a todos os fogares, a emigración e a implantación doutras formas de ocio. Para o mandatario local, esta homenaxe é agora “un acto completamente xusto e un prestixo para Sober”.
DOUS DÍAS ADICADOS Á FEIRA DA ROSCA
Ademais do novidoso, Sober agarda con ansia a celebración dunha das súas citas máis importantes do verán, a feira da rosca. A rosca de Sober é un produto singular do que moito se ten falado e combinado en merendas e xantares, probando con éxito innumerables combinacións con outros alimentos. Os rosqueiros de Millán e de Sober porán á venda unhas 1000 unidades novamente nesta ocasión despois de 15 anos de exaltación do seu produto a través desta feira que completa a tradición da venta deste produto nas feiras do sur de Lugo e algunhas zonas de Ourense. O evento comezará este ano un día antes, xa que o día 11 haberá unha degustación gratuíta de licor café con rosca na tarde noite amenizada por un grupo de música tradicional. Os actos principais terán lugar coma sempre o día 12 de agosto, xornada na que se porán á venta, ademais da rosca protagonista, outros produtos da zona vinculados á gastronomía e á artesanía como son a alfarería de Gundivos, o mel ou o queixo, entre outros. Non faltará a degustación de balde de rosca con queixo pola mañá e o espectáculo de rúa Gostoso Pa, así como unha exhibición de danza do ventre.
ARTE NO CENTRO DE RECEPCIÓN DE VISITANTES
Para completar esta actividade, o centro de recepción de visitantes acollerá do 1 ao 15 de agosto unha exposición de obras de Vicente Ortí.