IX Feira Tradicional Outrora en Rubián, Bóveda

Unha xornada para recuperar a tradición

Redacción- Monforte

Fotos- C.Viqueira

A novena edición da Feira Tradicional Outrora de Rubián, en Bóveda, congregou a centos de persoas o pasado 14 de xullo. O bo tempo acompañou e permitiu que o programa de actos se desenvolvera segundo o previsto, e que a gran cantidade de artesáns que acudiron á cita representaran os seus oficios ante o público: talla en madeira, teares, encaixe de bolillos, artesáns de coiro e cesteiría, un vidreiro, ferreiro, afiador, postos de xoiería, drapería, etc. Ademais, para darlle maior realismo, artesáns e comerciantes vestíronse de época. Veciños e visitantes puideron comprobar así en primeira persoa como se realizaban os distintos oficios antigamente, pero tamén tiveron a oportunidade de degustar varios produtos da zona, como por exemplo o queixo, mel, licores ou rosca. A feira comezou ás dez da mañá coa apertura das exposicións, postos de artesanía e recreación etnográfica ao público. Xa ás once tivo lugar a degustación de produtos acompañada dun pasarrúas a cargo da Banda Municipal de Gaitas de Bóveda, e a actuación da Escola Municipal de Danza. Asimesmo, nun día de feira tradicional coma esta, tamén tiveron cabida os máis cativos, que contaron con numerosas actividades para eles, como por exemplo os xogos populares e numerosos obradoiros. Sen embargo, destacou especialmente a festa da auga e da escuma, que permitiu aos pequenos disfrutar dunha refrescante actividade. Na novena edición da feira Outrora tampouco faltou a mítica recreación da malla, así como o “isco no guizo” e un concerto de música de cámara na capela do Divino Ecce Homo a cargo de Mijail Moriatov. A maiores de todo isto, os que se achegaron ata Rubián puideron xantar na feira, xa que houbo numerosos postos de polbo e churrasco. A xornada rematou cun espectáculo de música: a noite de pasodobre.

Entre as autoridades que se decidiron a visitar esta edición da Feira Tradicional Outrora non faltaron, como non podía ser menos e dende primeira hora, o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro. Á mañá rexistrouse ademais unha elevada afluencia de xente. E entre a multitude e os postos de artesanía, destacaron especialmente un vidreiro e un posto de filloas á pedra, que acudiron por primeira vez, o xa mítico afiador Rodesindo da Barrosa do grupo “Volta e Dalle”, e outros artesáns máis asiduos. Foi o caso do posto de alfarería e o do ferreiro Jaime Pérez, que durante a xornada tivo tempo para moldear pequenas ferraduras ante a curiosidade do público e logo vendelas. EC

Durante toda a xornada houbo tempo tamén para degustar numerosos produtos da zona, tales como o queixo, mel, aceites, rosca ou licores. Pero como en todas as feiras non faltou o polbo nin o churrasco, que sempre conta con adeptos. Pola súa parte, os visitantes non dubidaron á hora de vestirse de época, mesmo os máis cativos, e tampouco en participar dos obradoiros. Outros sen embargo, conformáronse con observar os distintos postos lembrando por exemplo como se conseguía a fariña antigamente. A maiores de todo isto tampouco faltaron varios tallistas de madeira, artesáns que trataban a pel e o coiro, outros que construían instrumentos tradicionais, encaixe de bolillos e teares, e mesmo un adicado á destilación de esencias. Con todo isto, a novena edición da Feira Outrora de Rubián deixou clara a súa consolidación ano tras ano. EC

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Aprobado o financiamento dos soldos para os catro bombeiros do parque de Monforte

Seguinte Nova

A taxa de criminalidade de Sarria, unha das máis baixas de Galicia

Últimas noticias sobre CULTURA

     
A %d blogueros les gusta esto: