Javier Taboada, presidente da cooperativa ICOS de Chantada: «A cooperativa fixou emprego e evitou que a xente marchara do rural»

Redacción- Chantada

Taboada, ás portas da cooperativa Icos en Chantada. ICOS

Javier Taboada Rodríguez é dende o ano 2001 o presidente da cooperativa chantadina ICOS, unha sociedade que presta servizo nas distintas áreas relacionadas coa gandeiría, fundamentalmente aos concellos da comarca.

¿Como naceu a cooperativa?

Aquí na zona, en Chantada, Taboada e Carballedo, alá polos anos 60 creouse unha cooperativa, ainda que ao final acabáronse constituindo catro cooperativas agrarias. Despois xa, na década dos 90 apreciouse a necesidade de traballar en conxunto porque así poderían facerse máis cousas, de tal modo que en 1993 tentouse un proxecto de fusión que naquel momento non foi aprobado polas asambleas. Sen embargo continuou a colaboración entre cooperativas ata que no 2000 prantexouse de novo unha fusión que sí foi aprobada por todas as entidades. Logo co exercizo económico comezamos a funcionar o 1 de xaneiro de 2001, momento dende o que exerzo como presidente.

¿Cantos socios son actualmente?

Chegamos a ser máis de 900, pero actualmente somos 827; digamos que influiu o peche dalgunhas explotacións. Hai que destacar que todo o mundo ten actividade gandeira, ainda que hai unha parte de socios que teñen esa actividade gandeira practicamente para autoconsumo, mentres que son arredor de 600 os que desenvolven a actividade forte.

 ¿Cales son as principais áreas ou servizos que abarca a cooperativa?

É unha cooperativa enfocada a todo tipo de servizos, coa máxima de prestar os máximos servizos posibles tanto ao socio como a aqueles que o demanden. Contamos así con varias áreas como son: todo tipo de servizos técnicos, por exemplo os de veterinaria (problemas clínicos, temas preventivos, etc nos que se prestan servizo os 365 días do ano as 24 horas); servizos de campo, como poden ser as seccións de maquinaria para realizar labores do campo ou o servizo de asesoría agronómica; e unha área de apoio administrativo na que manexamos dende os temas fiscais ata temas de asesoramento (en partixas por exemplo), é dicir, todo o que demanda unha actividade agraria. Asimesmo, contamos con servizos propios de maquinaria de ordeño e instalacións internas, quero dicir que non é que fagamos un establo, pero sí deixamos a explotación totalmente equipada, facendo incluso o proxecto se o precisan. Por outra parte, tamén contamos con tres almacéns e tres supermercados en Chantada, Taboada e Carballedo, nos que se atopa todo o necesario tanto para a familia como para unha explotación. Recentemente tamén puxemos en marcha un servizo de rodas e contamos cun servizo de taller nas tres instalacións mencionadas anteriormente, para arranxar non só temas agrarios, senon temas que poda demandar a explotación. Xa logo, os servizos máis fortes en canto a facturación serían o servizo de comercialización do leite e unha participación importante na fábrica de piensos Aira de Taboada. E por último destacar un servizo de alimentación para explotacións, no que un carro vai ás explotacións, mistura a comida dos animais e sérvea no pesebre.

¿Que supón a cooperativa para o concello?

Máis que para Chantada, eu diría que para toda a Comarca: Chantada, Taboada e Carballedo fundamentalmente, ainda que tamén temos socios en Monterroso, Antas de Ulla, Portomarín, Rodeiro e en algúns concellos como Cea e O Saviñao. E o que vemos é que ao longo destes últimos anos a cooperativa foi un dinamizador da actividade agraria na zona, axudando á súa consolidación. Hai zonas por exemplo onde as cooperativas non existiron ou non funcionaron ben, e a actividade agraria –ainda que non só por iso- foi desaparecendo. Entón, a cooperativa o que fai é favorecer a actividade económica e tamén que a xente non se vaia do rural. A maiores, en canto a niveis económicos, estamos contando cunha plantilla de entorno a 100 persoas, que xunto con preto de 40 persoas traballando indirectamente para nós, sitúa a esta como a empresa máis grande da zona. E bueno, iso loxicamente é unha riqueza, así como o feito de defender os produtos dos gandeiros e axudalos en tempos difíciles como os que viñeron. Tamén hai que subliñar que recentemente puxemos unha gasolineira, e o que estamos vendo neste senso, é que xa non é que os nosos prezos sexan dos máis baratos do mercado, senon que o que fai é que os prezos das gasolineiras da zona sexan máis baixos que en Ourense ou Lugo, o que supón un beneficio para os gandeiros de ICOS e para o resto dos consumidores, facendo que os prezos se manteñan no seu xusto punto e non haxa especulación empresarial. E bueno, aparte de fixar emprego na zona, todos os recursos que xeramos investímolos aquí. Está demostrado que as cooperativas son unha ferramenta útil para defender os intereses do lugar no que se ubican. Así que pensamos seguir así moitos anos porque a actividade gandeira mellorará na comarca, e se mellora a actividade gandeira tamén mellora a comarca.

¿Notouse a crise?

Claro que se notou, e ademais eu creo que os gandeiros estamos vivindo os anos máis difíciles da actividade gandeira a nivel de Europa, a nivel de España e a nivel de Galicia. E iso nótase, porque por exemplo a actividade económica resentíuse. Deixamos de facturar 50 millóns de euros baixando aos 33, e contamos con facturar para este ano máis de 40 millóns de euros. Todo iso síntese na cooperativa, síntese nos gandeiros e en todas as actividades. Foi unha crise fortísima e en todos os sectores, ainda que creo que xa pasou o peor. De feito, nos últimos seis meses do ano pasado xa mellorara a situación, e nestes primeiros seis meses seguiu mellorando. Digamos que se está volvendo á senda da normalidade cun crecemento un pouco máis lento. Iso sí, estamos mellorando a nivel de cooperativa, pero os gandeiros ainda teñen que sair desa crise.

E na súa opinión, ¿cal sería a solución para saír desa crise no sector gandeiro?

Eu creo que en España tomaron posición fundamentalmente empresas foráneas, francesas sobre todo, e ao meu modo de ver tanto as administracións centrais como as autonómicas non están facendo o correcto en canto á defensa do sector; é dicir, os contratos non chegan por sí sós, e habería que forzar a uns acordos de mínimos como están por exemplo forzando en Francia, onde todos os eslabóns da cadea -gandeiros, empresas e distribución- poden vivir dignamente.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Feria Outrora 2011 en Rubián

Seguinte Nova

Prórroga nas eleccións do Consello Regulador

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

     
A %d blogueros les gusta esto: