Joaquín González, alcalde de O Saviñao: «Pretendemos dinamizar o municipio este verán con iniciativas que van máis alá das festas, como o primeiro Concurso de Tapas”

Redacción- Monforte

GONZÁLEZ FALA DAS INICIATIVAS QUE SE DESENVOLVEN ESTE VERÁN E DAS FESTAS PATRONAIS DE ESCAIRÓN, QUE SE CELEBRARÁN DO 6 AO 9 DE AGOSTO, AO TEMPO QUE COMENTA O DESTINO DOS INGRESOS POLO PARQUE SOLAR.

Joaquín González (PP) revalidou a maioría absoluta nas municipais. EC

¿Como se prantexan as festas patronais de Escairón este ano e coa circunstacia da crise?

Costou moito traballo elevar as festas patronais ao nivel que teñen hoxe en día. Por isto, a nosa intención é mantelo e contarán máis ou menos co mesmo investimento ca en anos anteriores, en torno aos 56.000 euros. Non haberá concertos estelares, pero sí boas orquestras e actuacións para bailar e desfrutar.

¿ Hai cambios na comisión de festas?

Practicamente son os mesmos membros que en anos anteriores, tendo en conta as renovacións do equipo de goberno. Algúns concelleiros que participan da organización son persoas mozas.

¿ Influirá isto en darlle quizáis un caríz diferente aos festexos?

Penso que sí, a nova concelleira de Cultura e outras persoas están achegando novas ideas, e as primeiras xa están en marcha, non só no que se refire ás festas.

¿ Podemos entón ver iniciativas novas este verán?

Temos en marcha unha ludoteca que está a funcionar moi ben, coa participación duns 60 nenos. Agora pretendemos levar a cabo, por primeira vez, un Concurso de Tapas en Escairón, co que pretendemos dinamizar a vila e tamén a súa hostalería. Nos pasados días houbo unha reunión entre o sector e os e membros do goberno local e a delegación da Asociación Provincial de Hostaleiros. A idea foi moi ben acollida pola xente dos bares, e pretendemos organizar o concurso para o mes de agosto.

No referido á promoción turística ¿hai algunha iniciativa nova este ano?

Despois de que se quitara a concurso a xestión do complexo e restaurante da Praia da Cova, a empresa adxudicataria está a facer cousas por dinamizar un dos atractivos máis importantes deste municipio. Penso que segue a ser un punto importante para a atracción tanto de visitantes como para os propios veciños, a pesar de que este ano unha das zonas de baño permaneza sen auga por mor das obras dos encoros. Tamén temos nesta tempada dous técnicos de turismo que farán unha importante tarefa nesta área e xa se está a traballar por exemplo en facer posibles as visitas ás igrexas románicas nalgúns días da fin de semana.

O Concello está de noraboa porque se vai facer efectivo o cobro correspondente pola posta en marcha do parque solar de Seteventos. ¿ Cara onde se van canalizar estes ingresos? ¿A canto ascenden?

Servirán para facer fronte practicamente aos gastos do día a día con actuacións como a mellora de pavimentos no medio rural, para compensar os investimentos do Plan E de Zapatero, que se quedaron na capitalidade municipal. En xeral irán destinados a cousas fundamentais, hai moita xente contratada polo Concello para levar a cabo obras menores que requiren o investimento en materiais de obras e outros gastos. En definitiva, empregaranse en sanear o municipio, trátase dunha inxección económica de arredor de 600.000 euros.

¿ Que argumentos daría a posibles turistas e veciños do Sur de Lugo para que visiten O Saviñao durante estas festas ou ao longo do verán?

O noso municipio ten un clima moi bo nesta época, cunha temperatura quizáis máis suave que convida a relaxarse nas zonas verdes coas que contamos e desfrutar dunhas instalacións deportivas en condicións e abertas a todo o mundo. No que se refire ás festas temos un programa moi variado musicalmente, que se completa con outro tipo de actividades tradicionais. Ademais, o domingo das festas contaremos cunha actuación do grupo Leilía impulsada pola Xunta, que será o mellor complemento para os nosos festexos.

1 Comment

  1. Pois nin houbo concurso de tapas , nin axente que dinamizara o turismo , nin se fixo un tríptico dos puntos de interese deste concello ,nin se poden ver as egrexas románicas , nin nada de nada . Inoperancia e rancio continuismo de quenes non pensan máis que en agarrarse ó sillón do poder.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O GDR Miño Ulla un ano despois: O grupo de xestión dos fondos Leader en Chantada ten 27 proxectos sobre a mesa

Seguinte Nova

Medio Rural acorda con entidades financieiras favorecer as condicións para o préstamo agrario

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

     
A %d blogueros les gusta esto: