Redacción- Monforte
O pasado 20 de xullo, o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, acompañado polo director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, asinou con representantes de once entidades financeiras un acordo de colaboración que favorece as condicións da concesión de préstamos ás explotacións agrarias.
PLANS DE MELLORA E PRIMEIRAS INSTALACIÓNS DE AGRICULTORES MOZOS
Segundo os responsables da consellería de Medio Rural, a través deste acordo establécense uns requisitos máis competitivos cos da conxuntura actual do mercado para as explotacións agrarias que soliciten créditos de cara a mellorar a súa eficacia e súa sustentabilidade realizando investimentos que son apoiados pola Consellería do Medio Rural para a realización de Plans de Mellora ou de Primeiras Instalacións de Agricultores Mozos.
CONDICIÓNS MÁIS COMPETITIVAS
O acordo fixa a revisión anual do tipo de interese preferente aplicable desde o momento de formalización de cada préstamo. Ao novo tipo de interese sumaráselle o euríbor a un ano, conforme ao publicado no Boletín Oficial do Estado do mes anterior ao da data de revisión, cun incremento máximo de 2,75 puntos. Nos préstamos a cinco anos, o incremento máximo será de 2,50 puntos. A devandita revisión aplicarase ás pólizas que se formalicen para expedientes aprobados e vinculados aos préstamos da convocatoria de axudas do ano 2011 en adiante.
ENTIDADES ASINANTES
As entidades asinantes do acordo son Novacaixagalicia; Caixa Rural Galega; Banco Español de Crédito (Banesto); Banco Bilbao Vizcaya Argentaria; Banco Pastor; La Caixa; Banco Santander Central Hispano; Banco Gallego; Banco Etcheverría; Banco Caixa Geral e Caja Rural de Zamora.