Redacción- Monforte
MIGUEL ÁNGEL SOTUELA VEGA REPITE COMO ALCALDE DE RIBAS DO SIL, PERO TAMÉN COMO DEPUTADO DA ZONA SUR DA PROVINCIA. NESTE SENSO, ASEGURA QUE DESEMPEÑAR AMBOS CARGOS SEN PROBLEMAS É POSIBLE GRAZAS A QUE CONTA CO MELLOR EQUIPO DE CONCELLEIROS. ASIMESMO, AFIRMA QUE O FEITO DE REPETIR COMO DEPUTADO NON SUPÓN NINGÚN TIPO DE FAVORITISMO PARA O CONCELLO.
Coa experiencia de varias lexislaturas, ¿como afronta esta?, ¿cambia en algo?
Afróntoa con moita ilusión, ainda que tamén con recurtes debido á merma de ingresos que vai ter o Concello. Pero bueno, está claro que temos que economizar, así que nese senso seguiremos coas principais actuacións que temos en marcha, que son bastantes, pero de cara aos dous primeiros anos de mandato está claro que temos que ser un pouco máis austeros, e vámolo a intentar.
Tendo en conta eses recurtes e a crise que está a afectar a todos os Concellos, ¿cales van a ser os principais obxectivos?
Os principais xa os enumeramos no programa electoral. Seguirán sendo os típicos e tópicos dun concello de 1.000 ou 1.200 habitantes. Vamos a continuar potenciando as áreas de turismo que temos agora mesmo no concello, e que vemos que son unha aposta que debe facer o Concello de Ribas do Sil, chámese a praia fluvial, chámese a ruta da minería románica, ou as rutas de sendeirismo que agora mesmo temos abertas e que son xa sobradamente coñecidas no municipio; pero vamos a intentar publicitalas un pouquiño máis e un pouquiño mellor para que sexan ben coñecidas, e de paso con iso intentar atraer a máis xente ao noso pobo. A maiores de todo isto, temos en marcha algunhas obras e temos pendentes outras. Obras importantes como a futura residencia, entre outras. Todo o mundo sabe que vamos a facer en colaboración coa Deputación, unha residencia da terceira idade no terreo que temos ao lado da ponte nova sobre o río Sil. Entón, quédanos un tramo de sumidoiros e de servizos que temos que levar dende a rúa ata onde se vai a ubicar a residencia. Pero bueno, a obra xa está en marcha, digamos que xa temos a consignación e vámola a sacar a concurso nunha data moi breve. Loxicamente entendemos que esta é unha obra importantísima para o concello, que nos próximos dous ou tres anos tería que estar en marcha. Así que temos postas moitas esperanzas na mesma. Despois tamén estamos rematando coas actuacións do canon, é un tema que ven da lexislatura pasada, pero que arrastramos cun pequeno retraso. Así por exemplo vai a comezar a obra de remate do que é a ampliación da Casa do Concello, que xa está adxudicada. Tamén a primeira semana de agosto vamos a contar de novo cun vehículo contraincendios, do que carecíamos dende que se producira un pequeno incidente nun incendio cando colaborábamos coa Xunta. Agora, grazas á Deputación e ao diñeiro do canon vamos contar de novo cun camión contraincendios coas características que nós pedimos, que me consta que xa está todo arranxado á falla de pasar as homologacións precisas para poder matriculalo.
Ademais de alcalde, repite vostede tamén como deputado. Neste senso, ¿cales van a ser as súas tarefas?
Pois sí, repito como deputado, e nesta ocasión encargoume o presidente que me fixera cargo da área de persoal e réxime interior, que non é o mesmo que levaba antes (urbanismo e medio ambiente). E no tema este o traballo é moi concreto, é interno, dentro da propia Deputación co seu persoal e cos seus bens internos, por dicilo dalgunha forma, no que desenvolveremos un traballo continuista co que xa se fixo no mandato pasado; sempre ben entendido que como deputado da zona de Lemos, pois en todas aquelas decisións, obras e actuacións que faga a Deputación, loxicamente terei presenza. Hai que destacar que estamos á disposición dos alcaldes e concelleiros da comarca que teñan a ben facer calquera xestión na Deputación, sexan da miña área ou non.
O feito de ser deputado de novo e ter unha colaboración máis estreita coa Deputación, ¿favorece dalgún xeito ao concello de Ribas do Sil?
Pois xa me gustaría que fose así, xa me gustaría, pero non, para nada. Eu estou nun partido que goberna para todos e non goberna só para os del. Entón, levo respaldando dende hai moitos anos que primeiro fixeran tabla rasa co que non me deron os anteriores mandatarios dos últimos vinte anos, e concretamente dos últimos 14 que estamos aquí no Concello, e despois que repartiran por igual; pero bueno o presidente da Deputación nese senso é como ten que ser; é dicir, os proxectos son para o conxunto da provincia, e eu estou dacordo con que iso sexa así, polo que así seguiremos. Despois, loxicamente, nos temas que afecten a Ribas do Sil eu terei información de primeira man, pero privilexio para Ribas do Sil polo feito de eu ser deputado, ningún, porque no partido non se fan esas políticas.
¿É complicado para vostede compaxinar dous cargos como os de alcalde e deputado?
A miña forma de actuar en política é que cada concelleiro debe asumir as responsabilidades que lle tocan durante o mandato, e eu teño moi bos concelleiros en todas as áreas. Así que repartimos o traballo e entón, digamos que no Concello a maioría do traballo a min danmo feito, eu sinxelamente dou o visto e prace co resto do equipo nas reunións previas. As cousas que me chegan a min das diferentes áreas, xa sexan de cultura, de obras en parroquias, etc, veñen moi traballadas por parte do concelleiro. E isto é o que me permite a min estar no Concello e tamén desprazarme varias horas a Lugo para desempeñar o cargo de deputado. Pero repito, grazas a que teño o mellor equipo posible en Ribas do Sil.