Redacción- Monforte
O Concello de Monforte celebrará o vindeiro 30 de xullo unha edición máis da Festa do Río. Tal e como explicou a concelleira de Cultura, Pilar López, o obxectivo despois de sete edicións é o de seguir potenciando o río como espazo de lecer e recuperar o protagonismo que o Cabe tivo durante tanto tempo.
Este ano conta coa colaboración da asociación Casa do Barqueiro, da Asociación de Hostalería provincial de Lugo, e tamén da concellería de Deportes, así como da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia. Entre as novidades, unha maior implicación de todos os colectivos da cidade, a participación de preto de 15 embarcacións, así como de tres casetas no Parque dos Condes e outras dúas no Malecón. Ademáis, o día da festa os paseos en barca serán gratuítos e haberá distintos artesáns ao longo de todo o paseo. En canto ao programa, a festa será inaugurada ás doce do mediodía co VI Encontro de embarcacións tradicionais. Na área deportiva terá lugar unha competición de descenso do Cabe a nado organizada polo Clube Natación Monforte, así como exposicións e demostracións relacionadas con deportes acuáticos. Xa para os máis pequenos, voltarán os xogos de río e os xogos populares, así como as sesións de contacontos a cargo de Anxo Moure. Á unha do mediodía abrirán as casetas de hostalería para o xantar, e ás once da noite pecharase a festa cun espectáculo á beira do río.