O GDR Miño Ulla un ano despois: O grupo de xestión dos fondos Leader en Chantada ten 27 proxectos sobre a mesa

Redacción- Chantada

O Grupo de Desenvolvemento Rural Miño Ulla vinculado ás comarcas de Chantada e A Ulloa e ao municipio de Portomarín cumpre nestes días un ano dende a apertura para a recepción de solicitudes de proxectos susceptibles de subveción con cargo ao Plan Leader 2007-2013. Dende aquel momento e ata finais deste mes de xullo a oficina do GDR recibiu 27 proxectos que se atopan actualmente en distintas fases de tramitación, sendo 6 os aprobados pola directiva neste momento á espera dunha próxima reunión na que se prevé aprobar outro grupo de ideas. Dos 27 proxectos existen dous a punto de certificarse, un deles relacionado co ámbito de modernización das explotacións gandeiras. Despois da última reunión da xunta directiva do GDR e celebrada o 28 de marzo, a cantidade de fondos públicos comprometida ascendería, contabilizando o total dos proxectos, a uns 257.000 euros.

O pasado 13 de xullo tiña lugar unha asemblea xeral á que estaban convocados os 84 socios- entidades públicas e privadas- que integran o GDR7 na que se aprobou a continuidade das xestións e actividades informativas e a memoria correspondente ao 2010. Con sede en Chantada, e presidido polo actual alcalde de Taboada, Ramiro Moure, os despachos trasladáronse no mes de marzo ás novas dependencias do multiusos situado na Praza de Galicia. Os proxectos que a iniciativa pública e privada da zona ten actualmente presentados repártense nas diferentes medidas específicadas polo GDR para a xestión dos fondos do novo mapa Leader, pero fundamentalmente encaixan na de Diversificación da Economía Rural e Mellora da Calidade de Vida, por ser o apartado con máis fondos e ao tempo o máis amplo en contidos.

Proxectos interterritoriais

Pero a marxe de manobra dos grupos Leader vai máis aló dos proxectos individualizados que poidan subvencionar distintas iniciativas públicas e privadas. Con isto, o Miño Ulla participará nun proxecto de cooperación interterritorial impulsado polo Ministerio de Agricultura xunto con outros 34 grupos de todo o territorio español. O proxecto xa seleccionado está na liña da Valorización e Mellora da Competitividade da Actividade Agroalimentaria Local e recibe o nome de ‘Calidad Agroalimentaria. Señas de identidad de los territorios rurales’.

Gran potencialidade para o viño e o queixo, entre outros

Para a xerencia do Leader, encabezada por Javier Medela e a técnico María Luisa Quintela, trátase dun proxecto “moi interesante para unha zona coma esta, con gran potencialidade en sectores coma o do viño ou o queixo, entre outros, que representan áreas fundamentais para o desenvolvemento socioeconomico do territorio”. Ademais, destacan a importante demanda no que se refire ao consumo destes produtos. Este proxecto irá adiante, pero cunha importantísima reducción de fondos sobre o presupostado, xa que finalmente o Ministerio obrigou a un reprantexamento da idea á que finalmente destinará arredor de 460.000 euros. Nesta liña de proxectos conxuntos con outros territorios o Leader que acolle o municipio de Chantada agarda aínda a aprobación doutros dous.

Por territorios

Por municipios, a meirande parte dos proxectos presentados a día de hoxe parten da iniciativa pública e privada de Chantada, Taboada, Monterroso e Palas, seguidos do concello de Carballedo, que absorvería outra parte importante dos fondos sobre a mesa. Portomarín e Antas de Ulla son, polo momento, municipios dos que non partiu ningún proxecto.

Gaña a iniciativa privada

Na trintena de iniciativas que están sobre a mesa existe unha cifra máis ou menos equlibrada no que se refire á posta en marcha de proxectos produtivos e non produtivos, pero sí destaca a iniciativa privada sobre as entidades públicas no número de expedientes presentados.

Funcionamento

A posta en marcha dunha páxina web do GDR Miño Ulla dentro deste ano é outro dos obxectivos da asociación que agarda que deste xeito se fagan accesibles os listados e as tramitacións dos proxectos co fin de axilizar ao máximo os procesos. Con todo, dende a xerencia, e tendo en conta un certo retraso inicial na configuración e posta en marcha do grupo, consideran que o volume de expedientes e o ritmo do traballo é bastante bo, máis se cabe si se ten en conta o número de demandas de información que se están a atender. Por outra banda, os xestores subliñan que hai que ter en conta a lentitude e as dificultades actuais no que se refire ao finanzamento de iniciativas emprendedoras debido á conxuntura de crise económica e freazo do crédito.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte celebrará unha nova edición da Festa do Río o vindeiro 30 de xullo

Seguinte Nova

Joaquín González, alcalde de O Saviñao: «Pretendemos dinamizar o municipio este verán con iniciativas que van máis alá das festas, como o primeiro Concurso de Tapas”

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: