Preocupación polo freazo nos traballos do corredor Sarria Monforte

Redacción-Monforte

A deputada do BNG, Isabel Sánchez rexistrou unha iniciativa no Parlamento galego ao fin de preguntar ao Goberno pola situación actual do corredor Sarria-Monforte e a finalización das obras desta infraestrutura nas datas previstas. Esta iniciativa foi presentada debido a ralentización dos traballos que se está a rexistrar nas últimas semanas.

Sánchez di que o propio Presidente da Xunta comprometeu a operatividade desta infraestrutura no ano 2011 pero a práctica paralización das obras indica que existen dúbidas fundadas da imposibilidade do seu remate nas datas previstas. A nacionalista salienta que diversos medios de comunicación apuntaron o descenso da aportación económica no presente exercicio por parte da Xunta como posible razón deste parón nas obras. Para a deputada monfortina do BNG, é “imprescindible” o remate do corredor para o desenvolvemento económico da metade sur da provincia de Lugo, por tratarse dun complemento fundamental para proxectos económicos futuros como o do Porto Seco de Monforte. Sánchez engade que ademais do Presidente da Xunta, o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, tamén declaraba ante os medios que algúns dos tramos do corredor estarían en marcha este ano.

Obras do corredor entre Sarria e Monforte a principios de ano. EC

Paralización total en Agosto

As dúbidas ante esta “paralización” dos traballos foron manifestadas por outros sectores como a UGT-Lemos, que xa no mes de abril denunciaba que se estaban ralentizando as obras no tramo de Oural a Monforte por falta de orzamento. O sindicato manifestou a súa preocupación polo derrube de taludes e a necesidade de elevarse uns vinte metros máis no caso de puntos como Áspera ou o Alto do Oural, traballos para os que non alcanzarían as partidas previstas nos orzamentos deste ano.

Ao mesmo tempo dende UGT amósanse indignados polo feito de que non se aproveiten os meses de verán para darlle un pulo ás obras e poder cumprir os prazos previstos. O descenso no número de operarios, segundo UGT, prevé que “ a paralización será total no mes de agosto” . O sindicato lembra que hai uns meses traballaban neste tramo uns 200 operarios, que irán agora ao paro. Para Mario Docasar o Conselleiro de Infraestruturas estaría a levar a cabo unha política errática “ e de improvisación” e a organización insta a este departamento da Xunta a implicarse co emprego do sur de Lugo e Sarria e a non engrosar as listas do paro cos traballadores da empresa Acciona e as sub contratas da obra do corredor.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Asinado o convenio para a posta en marcha das oficinas de turismo virtuais na Ribeira Sacra

Seguinte Nova

A Mostra do Mel cumple vinte anos en Quiroga

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

   
A %d blogueros les gusta esto: