Redacción- Monforte
O Goberno que vostede preside culminou xa máis da metade da lexislatura, nunha conxuntura xeral de grande complexidade, marcada pola crise económica mundial, o horizonte das eleccións xerais e o papel da Unión Europea no conxunto xeral e como organización interna. Como ve a Galicia nesta difícil escena?
Tratamos de aproveitar o tempo ao máximo e tratamos de responder cada día ás enormes expectativas que a cidadanía depositara en nós. Aínda que sei que nos queda moito por facer aínda, creo que traballamos con coherencia e con responsabilidade. É evidente que nun momento tan difícil, a Xunta atópase con máis obstáculos dos que lle gustaría, sobre todo porque temos que afrontar tres grandes dificultades financeiras. En primeiro lugar, unha débeda de máis de 2.000 millóns de euros, consecuencia das malas previsións económicas do Goberno central e dos nosos antecesores na Xunta. En segundo lugar, o modelo de financiamento autonómico que foi malo para Galicia na súa concepción e que é peor na súa aplicación porque priva á nosa comunidade de recibir este ano 805 millóns que nos corresponderían. E en terceiro lugar, pola subida de impostos levada a cabo polo Goberno central e que prexudica fundamentalmente a comunidades menos desenvolvidas como a nosa. O noso obxectivo pasa por sumar cada vez máis esforzos para tratar de reverter este tres lastres financeiros e un dos principais instrumentos para iso é o Código de Responsabilidade Económica que blinda a austeridade, a estabilidade e a planificación fronte ao malgasto, a débeda e a improvisación que lamentablemente se xeneralizou a nivel nacional. Hoxe as prioridades non son os problemas artificiais que xeran algúns políticos senón as preocupacións dos cidadáns: a economía, o emprego, a garantía de que percibirán os servizos básicos. O Goberno traballa cada día ao ritmo dos galegos, que nos guiaron para construír grandes proxectos económicos a pesar das dificultades, como a fusión das caixas de aforro e o concurso eólico; sociais, como a aposta por tres novos hospitais públicos ou o Plan de Actuación Social; e culturais, como o Xacobeo ou a apertura da Cidade da Cultura.
Un dos argumentos máis repetidos durante estes dous anos polo seu goberno é a política de austeridade que vostede ven de defender coma unha das grandes bazas da súa xestión pública. ¿Como se materializará esta política de austeridade no ano e medio que resta ata o remate da lexislatura? ¿En que tempo e de que modo os cidadáns poderán comprobar os froitos desta política?
Desde o primeiro minuto do noso mandato consideramos a austeridade como unha das medidas imprescindibles para poder facer fronte ás limitacións orzamentarias que impón a crise económica. Así, dende que chegamos á Xunta aprobamos un Plan de Austeridade que permitiu aforrar 144 millóns de euros ese ano, e desde entón fomos eliminando ineficiencias e duplicidades de forma ininterrompida. Non só reducimos un 25% o número de consellerías e á metade os altos cargos, senón que diminuímos salarios, gastos de coches oficiais ou gasto telefónico, e puxemos en marcha un Plan de aforro enerxético en todos os edificios da Xunta, ou un Plan de Racionalización da Administración paralela que xa nos permitiu refundir ou eliminar 48 entes públicos. A austeridade é un código de conduta imprescindible na xestión pública, pero que ademais completamos cunha aposta decidida pola estabilidade presupostaria. Ademais de ser unha das dúas comunidades autónomas –xunto con Madrid—en manter a estabilidade das contas públicas, somos a primeira que levou ó Parlamento unha Lei de Disciplina Presupostaria que agora se plantexa a nivel nacional. O saneamento das arcas galegas xa deu froitos ata agora e quedará blindado para os próximos gobernos.
Xunto a esta austeridade, a Xunta que vostede preside ven de poñer en marcha plans estratéxicos de reactivación industrial, como o Impulsa Lugo, de cara a reducir a diferenza entre as provincias do interior e as costeiras, que concentran maior actividade económica. Está o Impulsa Lugo a cumprir as expectativas dos seus valedores? Confía en poder salvagardar a esta provincia do impacto da crise coas medidas implícitas neste Plan?
Podemos dicir que o Impulsa Lugo está a funcionar e dando os seus primeiros froitos, xa que na súa primeira fase logrou mobilizar máis de 122 millóns de euros e crear ou manter 400 empregos. Pero non nos limitamos a celebrar o que Lugo xa ten logrado co Plan Impulsa, senón que renovamos o noso compromiso con máis axudas para que Lugo poida ser parte esencial do desenvolvemento de Galicia, e con ese obxectivo hai poucos meses aprobamos o Plan Estratéxico que mantén as axudas dadas ata agora con carácter xeral e intensifícaas nunha serie de sectores estratéxicos que detectamos conxuntamente cos axentes sociais e económicos da provincia. A Xunta de Galicia cre que, deste xeito, damos resposta a unha demanda xusta e merecida dos lugueses, porque estou convencido de que a provincia de Lugo ten un potencial que hai que incentivar.
O seu goberno ven de presentar na capital provincial o proxecto da nova Lei de Montes, que en Lugo pode ter unha importancia extraordinaria xa que esta provincia conta cos dous terzos da masa forestal de Galicia. Hai que rescatar o eido forestal como gran oportunidade económica para Lugo? Que perspectivas manexa o seu goberno coa posta en marcha de esta Lei, e de que xeito pode repercutir na dinamización do medio rural?
Sen dúbida, o sector forestal é clave para Galicia e máis se cabe, para a provincia de Lugo que aporta o 32% do total do territorio forestal da nosa Comunidade. E, por iso, a Xunta tivo claro dende o primeiro día que a nova Lei de Montes era prioritaria e eu síntome especialmente satisfeito de poder dicir que xa están en marcha. Despois de décadas sen un desenvolvemento normativo propio, temos que celebrar que esteamos sendo capaces de cumprir este obxectivo prioritario e, neste senso, podo garantir que esta será a lexislatura na que Galicia conte cunha Lei de Montes que nos permita sacar o máximo partido económico e social á nosa extraordinaria riqueza forestal e frear o crecente abandono do monte. Esta será a lexislatura en que a agrupación de montes non teña marcha atrás e deixemos para o pasado o minifundismo forestal. E esta será a lexislatura en que apostemos claramente pola certificación da madeira e polo aproveitamento dunha riqueza sen parangón no resto de España e de Europa, e que confirmará o noso liderado forestal.
En materia de comunicacións e transporte, a Xunta acaba de firmar o contrato das obras da primeira fase da urbanización do porto seco de Monforte de Lemos, un proxecto que se remonta a dúas lexislaturas atrás. Dende entón, moito ten cambiado o contexto económico deste país, e moitas teñen sido as queixas na zona pola demora en botar adiante esta plataforma, mentres que outras arrincaron deseguido. Contempla o seu goberno poder completar este percorrido dentro da lexislatura, e con que efectos económicos e sociais?
A pesar de que a empresa que tiña previsto levar a cabo a plataforma loxística manifestase a imposibilidade de acometer o proxecto polas graves dificultades económicas que está a atravesar, a Xunta responsabilizouse e responsabilizarase da posta en marcha dunha plataforma que é estratéxica para Lugo e para Galicia. De feito, garantimos as conexións do Porto Seco coas vías de alta capacidade, nas que investimos máis de 20 millóns de euros; e xa están encargadas as obras de construción da primeira fase do Porto Seco, que suporán un investimento de 5,5 millóns de euros. En definitiva, non só non demos ningún paso atrás, senón que tratamos de dar os pasos adiante precisos para cumprir o compromiso de facer realidade esta infraestrutura en 2013, e que Monforte poida ter 300.000 metros cadrados a disposición dos emprendedores.
Xa no eido político, e cos excelentes resultados do Partido Popular nas municipais, a responsabilidade que os cidadáns veñen de depositar no seu partido non é pequena. Como visualiza o horizonte electoral da próxima cita nacional? No caso de que o seu partido gañe as eleccións, poderemos ver a Núñez Feijóo no deseño de goberno de Mariano Rajoy?
Cunha crise política como a que se instalou en España nos últimos anos é moi difícil ou imposible abordar a crise económica, polo que nas próximas eleccións podemos pechar por fin a precariedade política e abrir unha alternativa preparada para asumir esa responsabilidade e abordar con acerto a crise económica. España necesita un goberno responsable e Galicia dun Goberno de España que estea comprometido coa nosa terra. Por iso, estou seguro de que Mariano Rajoy será o próximo presidente do Goberno, e estou seguro de que será un bo presidente porque porá tódolos medios para atallar o principal problema que ten hoxe España, e que é ter o dobre de paro que calquera país da Unión Europea. Polo demais, Galicia é o meu presente e o meu futuro. E unha das miñas maiores ilusións é que un galego vaia ocupar por primeira vez a Moncloa.