Florence Normier, presidenta do Salon International d’Automne de Sarria, lembra a figura de José Díaz Fuentes

Redacción-Sarria

A sexta edición do Salón de Outono de Sarria reúne preto de 300 obras de artistas franceses e españois, así como 80 traballos do escultor sarrián e Fillo Predilecto deste concello, José Díaz Fuentes, falecido o pasado ano, e cuxa obra adquire nesta edición especial importancia. E é que en certo modo trátase dunha homenaxe a este artista, impulsor do proxecto e “embaixador de Sarria en Europa”, que soubo “entroncar dúas culturas: a francesa e a galega”. Florence Normier, a presidenta do Salón International d`Automne de Sarria, e viúva de José Díaz Fuentes, relata nesta pequena entrevista o sentido da obra e os sentimentos que José Díaz quixo transmitir en cada un dos seus debuxos e esculturas.

 
 

Florence Normier, viúva de José Díaz, xunto ao seu sobriño e a comisaria da exposición, Mina Vrillet. EC

O Salón de Outono cumpre seis anos dun xeito especial, coa obra de José Díaz. ¿Cales son as súas principais novidades?

Este ano é bastante especial, porque é a primeira exposición que facemos sen o seu fundador, José Díaz Fuentes. Comezamos de novo para darlle vida á exposición cunha homenaxe ao seu traballo. Ademais, tivemos que adaptar a exposición aos lugares nos que se instalou, porque hai pezas moi grandes que tiveron que quedar fóra. Asimesmo, entre as principais novidades, destacan un conxunto de debuxos de José, algúns mesmo sen rematar, pero que quixemos amosar neste Salón. Trátase dun traballo que reúne o seu proceso de creación completo, dente os seus comezos.

O conxunto da obra de José Díaz Fuentes é moi variado.

Sí, para o meu marido por exemplo, os debuxos sempre foron algo moi importante. E despois, a el gustáballe empregar distintas técnicas, misturando o tradicional e o vangardismo. Ademais, traballou materiais moi diferentes, como a madeira ou o barro, entre outros moitos.

¿Que quixo expresar José Díaz coas súas obras?

Tiña especial predilección pola natureza, de aí que en moitas das súas obras predominen formas que podemos atopar no medio natural. El non cría na inspiración, só cría no traballo, na reflexión e na imaxinación. As súas formas pódense interpretar de moitos xeitos, e falan e transmiten a todos. Unha persoa que non teña coñecementos artísticos pode interpretala perfectamente. Ademais, José sempre decía que unha boa escultura debe crear espazo. En resume, todas as súas obras reflexan a súa personalidade, e en cada obra quere dar o seu corazón.

De todo o conxunto, que pezas destacaría vostede.

En canto a calidade emotiva, os tres últimos debuxos, porque o vin a el facéndoos. E despois, cada peza ten as súas vivencias, para min é complicado escoller.

O Salón de Outono permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de agosto. Os traballos participantes están expostos na antiga cárcere, no convento da Merced e no mosteiro de Samos.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, fai balance da súa xestión nunha entrevista para EC

Seguinte Nova

Juan Carlos Armesto, presidente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, analiza o feito turístico

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

   
A %d blogueros les gusta esto: