Redacción-Monforte
A Deputación de Lugo ven de aprobar nunha das últimas Xuntas de Goberno a contración das tres últimas obras do Plan de Obras e Servizos de 2010 para mellorar a rede viaria provincial, e que beneficiarán, entre outros, aos veciños de Sarria. As obras suman 1,2 millóns de euros, que son cofinanciados ao 50% pola Deputación e o Ministerio de Administracións Públicas.
A este respecto, o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, subliñou que se pode comprobar o bo nivel de xestión deste equipo de goberno, xa que en tan só unha semana, a Deputación foi quen de contratar as catro obras que suman cantidades millonarias -1.650.000 euros- e que estarán rematadas a finais de ano. Concretamente, as obras aprobadas foron: en Navia de Suarna a estrada que vai de Rao por Murias a Valouta con 540.000 euros; en Viveiro e Ourol, a CP que enlaza a localidade de Ruanova con Muras, con 273.805 euros; e en Sarria, a vía que vai de Mesón de Alvaredos a San Martín de Loureiro, con 299.000 euros. Neste senso, coa súa execución, o organismo provincial cumpre tres obxectivos fundamentais que son os de dar resposta ás necesidades dos veciños, xa que todas as obras son demandadas por eles; aumentar a obra pública na provincia; e crear emprego. Estas actuacións levan aparelladas a contratación de persoal para poder executalas. Ademais, con estas catro obras manteranse uns 40 postos de traballo.
É de destacar que co POS tamén se dota aos Concellos de servizos básicos como a mellora de accesos a núcleos rurais, abastecementos de auga, rede de sumidoiros, alumeado público, etc. Para estas actuacións o Plan contempla unha partida de 3,8 millóns de euros dos 5,5 millóns que ten de orzamento total.